O prezo da vivenda en aluguer sobe 7% na Galiza en 2019

É un incremento superior ao rexistrado de media no Estado, que foi de 4,8%.

Vivendas en alugueiro #aluguer #vivenda #piso #casa (Foto: Laura R. Cuba)
photo_camera Vivendas en alugueiro, [Imaxe: Laura R. Cuba]

O prezo da vivenda en alugueiro subiu 7% na Galiza durante o ano 2019, polo que se sitúa en 6,6 euros o metro cadrado, segundo o último informe de Idealista.

Este incremento é superior ao producido de medio no Estado español (+ 4,8%), aínda que o prezo por metro cadrado galego aínda está lonxe da media estatal, que é de 10,9 euros o metro cadrado.

Por provincias, hai un aumento xeral agás en Ourense (-2,5%). O incremento está liderado pola Coruña (+ 12,1%), seguida de Lugo (+ 8,9%) e Pontevedra (+ 5,6%). Lugo e Ourense son as provincias cun metro cadrado máis barato (5,1 e 5,2 euros). O máis caro é Pontevedra (7,4 euros), seguido da Coruña (6,5 euros).

Con respecto ás cidades galegas, o maior repunte da vivenda en aluguer prodúcese en Santiago (+ 14,2%), un incremento que duplica o seguinte maior, que se produce na Coruña (+ 7,4%); mentres que o terceiro aumento máis acusado produciuse en Lugo (+ 5,4%). Pola súa banda, o prezo cae en Ourense (-2,6%) e Vigo (-1,2%).

En mínimos

A construción de vivenda social en Galiza está en mínimos. En 2017 houbo 12  vivendas protexidas rematadas, a cifra máis baixa entre todas as comunidades do Estado español. A anos luz da vivenda social en Madrid e Barcelona, mais tamén de territorios con menos poboación ca nós, como Euskadi, Aragón, Asturies, Estremadura ou Castela-A Mancha.

En todo o Estado español entregáronse en 2017 as chaves de 4.938 pisos sociais. Só 12 na Galiza, o que supón apenas 0,2% do total. En Estremadura (1.600.000 habitantes menos que en Galiza) foron 216. En Nafarroa –a que cuadriplicamos en poboación– foron 192, o que supón 180 vivendas protexidas máis.

Comentarios