O prezo da luz segue disparado e este domingo marca novo récord histórico

O prezo medio da electricidade bate novo récord histórico este domingo, 19 de decembro, e chega aos 319,33 euros/MWh. Este valor alcánzase tan só un día despois de vivirmos o sábado máis caro da historia.  

luz foto de  Luma
photo_camera luz foto de Luma

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista alcanzará este domingo os 319,63 euros o  magavatio hora (MWh), o que supón rexistrar un novo récord histórico ao superar o anterior marcado na sexta feira, que alcanzou os 309,02 euros, e bater por cuarta vez a cota dos 300 euros. 

O encarecemento da luz significa un aumento de 4,34% respecto ao día anterior, que rexistrou o sábado máis caro da historia, con 306,33 euros/MWh; mentres que é 24,38% superior ao mesmo día de hai unha semana, e sobe unha 622,12% fronte a 19 de decembro de 2020, é dicir, multiplicouse por máis de sete. 

O prezo máximo da luz para este domingo darase entre as 20 e as 21 horas, con 350 euros/MWh, mentres que o prezo mínimo foi de 274,90 euros entre as 4 e as 5 horas, segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). 

Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada -o denominado PVPC-, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores no país, e serve de referencia para os outros 17 millóns que teñen contratado a súa subministración no mercado libre. 

A factura dispárase en decembro 

Decembro comezou sendo un mes marcado por unha gran volatilidade, con caídas na media dalgúns días até os 100 euros/MWh e con certas repuntas que superan amplamente a cota dos 200 euros/MWh e agora dos 300 euros/MWh. 

Con todo, desde 9 de decembro o prezo da luz non baixou dos 200 euros e na última semana disparouse, situando o prezo medio mensual en 235 euros, é dicir, 35 euros máis que o pasado outubro, o mes coa media máis cara até a data. 

Segundo unha análise de Facua-Consumidores en Acción, de manterse as mesmas tarifas o resto do mes, a última factura do ano alcanzaría os 134,45 euros para o usuario medio, 94,1% por encima dos 69,28 euros de decembro de 2020. 

O recibo do usuario medio no que vai de ano aumentou 15,1% con respecto a 2018. Así, fronte aos 77,18 euros de hai tres anos, a factura media mensual alcanza xa os 90,87 euros. 

Comentarios