O prezo medio da electricidade no mercado maiorista baixa esta sexta feira até os 298,81 euros o megawatt/hora (euros/MWh) —incluíndo os custos de comercialización, peaxes e outros cargos, isto é, o prezo real sobre a factura—, segundo os datos publicados no día de hoxe por Rede Eléctrica de España.
Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta sexta feira darase entre as 20 e as 21 horas, con 381,63 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 253,06 euros/MWh, rexistrarase entre as 14 e as 15 horas.
Esta sexta feira o prezo medio do 'pool' —prezo base que negocian as compañías produtoras e comercializadoras de enerxía— é de 214,84 euros/MWh.
Deste modo, experimenta un descenso de pouco máis de dez euros a respecto dos 224,97 euros/MWh da quinta feira, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).
2021 fechou como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre.
En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta sexta feira será 187,7% superior aos 74,67 euros/MWh do 29 de abril de 2021.
Por outra parte, o prezo medio do mes de marzo foi de 283,3 euros/MWh, 80 euros por riba de febreiro.