O prezo medio da electricidade coa tarifa regulada sobe esta cuarta feira até os 276,06 euros o megawatt/hora (euros/MWh) —incluíndo os custos de comercialización, peaxes e outros cargos, isto é, o prezo real sobre a factura—, segundo os datos publicados no día de hoxe por Rede Eléctrica de España.
Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta cuarta feira darase entre as 21 e as 22 horas, con 342,12 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 232,82 euros/MWh, rexistrouse entre as 3 e as 4 horas.
Esta cuarta feira o prezo medio do 'pool' —prezo base que negocian as compañías produtoras e comercializadoras de enerxía— é de 184,57 euros/MWh.
Deste modo, aumenta en perto de 2,5% a respecto dos 180,01 euros/MWh de media desta terza feira, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).
2021 fechou como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre.
En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta cuarta feira será 140,83% superior aos 61,09 euros/MWh do 25 de maio de 2021.
Por outra parte, o prezo medio do mes de abril foi de 191,52 euros/MWh, case 90 euros por baixo de marzo, que deixou o rexistro máis elevado da historia (283,3 euros/MWh).