O prezo da luz estabilízase na contorna dos 250 euros/MWh este 15 de marzo

Con todo, marzo segue camiño de se converter no mes máis caro na historia, e a luz é hoxe 424,6% máis cara que o 15 de marzo de 2021.
O prezo da luz sobe esta quinta feira (Foto: Khunatorn).
photo_camera O prezo medio da luz no que vai de marzo é de 336,7 euros/MWh (Foto: Khunatorn).

O prezo medio da electricidade no mercado maiorista baixará lixeiramente esta terza feira; en concreto, 0,81%, até os 249,66 euros o megawatt/hora (euros/MWh), polo que se mantén arredor da cota dos 250 euros/MWh.

O prezo medio do 'pool' para esta terza será dous euros menor que os 251,7 euros/MWh da segunda feira, segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para hoxe darase entre as 20 e as 21 horas, con 311,71 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 209,79 euros/MWh, rexistrarase entre as 3 e as 4 horas.

Deste modo, o prezo da luz acumula catro xornadas consecutivas na contorna dos 250 euros/MWh, o que supón un nivel equiparábel aos que viña rexistrando antes da invasión rusa de Ucraína, que comezou o pasado 24 de febreiro.

Antes desa data, o prezo máximo anual rexistrouse o 17 de xaneiro, cando o prezo medio do 'pool' ficou en 244,67. Con todo, despois do comezo da guerra produciuse unha escalada diaria do prezo que tivo o seu punto álxido o pasado 8 de marzo, cando a cotización se situou na marca absoluta de 544,98 euros/MWh. A pesar diso, en febreiro e antes da invasión o prezo da luz non superou os 211 euros/MWh.

En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta terza feira será 424,6% superior aos 47,59 euros/MWh do 15 de marzo de 2021. É dicir, será algo máis de cinco veces máis caro que hai un ano.

Prezo do gas natural hoxe

Os contratos de futuros do gas natural negociados na plataforma holandesa TTF cotizaban esta segunda feira arredor de 119 euros/MWh, lonxe dos rexistros de comezos da semana pasada, cando se tocaron os 345 euros.

Nesa liña, o día previo á invasión rusa de Ucraína o prezo do gas no Estado español cotizaba por baixo dos 80 euros/MWh, mentres que hoxe está en 119,85 euros/MWh, segundo os datos do Mercado Ibérico do Gas (Mibgas).

Marzo, camiño de ser o mes máis caro da historia

A pesar da moderación do prezo nas últimas xornadas, o prezo medio do megawatt por hora no mercado maiorista no que vai de marzo sitúase en 336,7 euros, é dicir, case 98 euros máis que a media de decembro de 2021, o até o momento mes máis caro da historia con 239 euros de media.

A luz fechou 2021 como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. Con todo, no que vai de 2022 o prezo medio sitúase contorna aos 228,53 euros, máis do dobre que o exercicio anterior.

Comentarios