O prezo da luz baixa levemente este domingo após repuntar o sábado

O custo máis elevado da luz será hoxe entre as 21 e as 22 horas; o máis baixo, de 16 a 17 horas.
Segue a evolución do prezo da luz en 'Nós Diario' (Foto: Nós Diario).
photo_camera A luz é hoxe 80,8% máis cara que hai xusto un ano. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da luz para as persoas clientas de tarifa regulada vinculadas ao mercado grosista baixará este domingo 3,3% a respecto deste sábado, até os 275,4 euros por megawatt hora (euros/MWh), segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Hai xusto un ano, o 11 de setembro de 2021, o prezo medio da luz no mercado grosista era de 152,32 euros/MWh, isto é, 80,8% máis.

Este prezo é o resultado de sumar a media da poxa no mercado grosista á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade.

O prezo mantense lonxe dos niveis máximos da semana pasada, cando chegou a alcanzar os 486,21 euros/MWh de media, o valor máis alto desde a entrada en vigor da 'excepción ibérica' e o segundo máis alto da historia, só por detrás do récord de 544,98 euros/MWh rexistrado o pasado 8 de marzo, antes da aplicación do 'tope ao gas'.

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado almacenista, o denominado pool, situarase este domingo en 161,42 euros/MWh. O prezo máximo rexistrarase entre as 21 e as 22 horas, con 252 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 98,50 euros/MWh, darase entre as 16 horas e as 17 horas.

A este prezo do pool súmase a compensación de 113,98 euros/MWh ás gasistas que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada.

A factura máis elevada

Tal e como informou esta mesma semana Nós Diario, con base nos datos fornecidos pola Comisión Europea, durante o primeiro trimestre do ano a factura eléctrica do Estado español foi a máis elevada do mercado comunitario, con 511 euros/MWh de media.

Esta cifra supuxo tamén o maior incremento interanual na eurozona, pois tomando como referencia o dato de xullo de 2022, cando xa entrara en vigor a 'excepción ibérica', e comparándoo co de xaneiro de 2021, a repunta foi de 27,2%, superando o seguinte maior aumento, o de Italia, 24,4%.

Comentarios