O prezo da luz baixa até os 108,73 euros/MWh

O prezo da electricidade cae un 48% e marcará o seu máximo entre as 20 e as 21 horas.
Unha persoa repara unha lámpada (Europa Press).
photo_camera Unha persoa repara unha lámpada (Europa Press).

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista 'pool' cae un 48,7% esta cuarta feira até os 108,73 euros/MWh, segundo datos do Operador do Mercado Ibérico da Electricidade (OMIE).

Este descenso é moi similar ao rexistrado o pasado domingo, cando o prezo da electricidade no mercado almacenista baixou máis dun 50% en relación coa xornada anterior, aínda que tanto a segunda como a terza  feira a cotización volveu situarse por encima dos 200 euros.

En termos anuais, o prezo da luz este 8 de decembro será un 295,67% máis alto, é dicir, case catro veces máis caro que o de hai xusto un ano, cando a luz custaba 27,48 euros/MWh.

A hora máis cara

Así mesmo, o prezo da electricidade esta cuarta será un 56% inferior ao de hai unha semana, xornada na que se rexistrou o terceiro día máis caro da serie histórica con 247,21 euros/MWh. Será, ademais, un 35,15% máis barato que hai un mes.

O prezo máximo da luz darase entre as 20 e as 21 horas, con 238,75 euros/MWh, mentres que o prezo mínimo, 14 euros, rexistrouse entre as 5 e as 6 horas.
Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada -o denominado PVPC-, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores no Estado, e serve de referencia para os outros 17 millóns que teñen contratado a súa subministración no mercado libre.

O encarecemento nos últimos meses no mercado eléctrico explícase, principalmente, polos altos prezos do gas nos mercados e dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2), en máximos históricos neste ano.

Novembro, a segunda factura máis cara da historia

O recibo eléctrico dun usuario medio coa tarifa regulada situouse en novembro en 115,18 euros, un 68,1% por encima dos 68,50 euros do mesmo mes do ano pasado, sendo así a segunda factura máis cara da historia tras a do pasado outubro, segundo datos de Facua, Consumidores en Acción.

Desta maneira, a asociación considera que a factura eléctrica de decembro tería que ser negativa para que se cumprise a promesa do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que este ano os consumidores pagarán o mesmo que en 2018 unha vez descontado o IPC.

Comentarios