O alugueiro encareceu 8,1% no último ano

Un piso de 50 metros cadrados custa hoxe na Galiza, de media, 408,5 euros ao mes.
#aluguer #alugueiro #vivenda #piso #casa (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Comparando con xaneiro, o custo medio de alugar un piso medrou 1,1% en febreiro, só cun mes de diferenza. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O piso tipo en réxime de alugueiro na Galiza rexistrou este mes de febreiro un prezo medio de 8,17 euros por metro cadrado (m2), o que supuxo unha suba de 8,1% se se fai a comparativa co mesmo mes de 2022, segundo os datos expostos esta segunda feira polo portal inmobiliario Fotocasa. Deste modo, unha vivenda de 50 metros cadrados custa xa 408,5 euros ao mes; outra de, por exemplo, 70 m2, 571,9 euros.

Os rexistros dados a coñecer hoxe indican, aliás, que o prezo do alugueiro medrou 1,1% só cun mes de diferenza, de xaneiro a febreiro deste ano. Estas cifras son semellantes ás da media do Estado español, onde o custo medio das vivendas en alugueiro aumentou 10,2% no último ano, mentres que o fixo en 2% comparando co mes de xaneiro.

Por circunscricións, as catro galegas experimentaron incrementos interanuais dos prezos, sendo Ourense a que máis aumenta, 12,7%, e na que o prezo medio fica nos 6,29 euros/m2. Séguea Lugo, cunha suba de 8,5% e o metro cadrado a 6,88 euros.

Pola súa parte, Pontevedra e A Coruña sofren aumentos máis lixeiros, de 7,2% e 5,4%, respectivamente. Con todo, son as provincias cos prezos por metro cadrado máis alto: a 9,08 no primeiro caso e 8,23 no segundo.

Datos locais

Por municipios, a cidade de Ferrol é a que máis incrementos acumula en febreiro, cunha repunta de 14,3%. Séguena moi de perto as cidades de Santiago de Compostela (13,9%), Ourense (10,4%), A Coruña (9,6%) e Vigo (9,0%). En Lugo, pola contra, baixou o prezo medio 0,6%, mentres de Pontevedra non se ofrece a comparativa interanual nesta estatística de Fotocasa.

No que atinxe ao prezo por metro cadrado en febreiro, a cidade da Coruña ten o máis elevado, con 9,57 euros o metro cadrado, seguida a moi pouca distancia por Vigo, con 9,46 euros/m2, e Santiago, con 9,01 euros/m2. En Pontevedra fica en 7,55 euros; en Ourense, a 6,28, e en Lugo, a 6,23. Fotocasa non achega o dato de Ferrol.

Comentarios