Previsións do Banco de España para 2013: o paro dispárase por riba do 27% e o PIB caerá un 1,5%

Os datos do organismo regulador son moito peores que os vaticinados polo goberno español, que falaba dunha queda do 0,5% no PIB e dunha taxa de desemprego do 24%

O escenario para o Estado español neste 2013 vai ser duro. Moi duro. O paro continuará a aumentar, o investimento produtivo privado continuará a caer, o aforro nas familias case que inexistente e o consumo, polo chan.

O Banco de España publicou o seu boletín económico, en que están as previsións para 2013 e 2014. O organismo regulador pinta un panorama moito máis negro do que o agardado polo propio goberno español. Así, para o Banco de España o desemprego chegará neste ano o 27,1% (tres puntos máis que as previsións de Rajoy) e o PIB caerá nun 1,5% (o Estado español prognosticaba 0,5%).

A creación neta de postos de traballo non comezará até 2014, de acordo co Banco de España.

Rajoy non quixo esclarecer onte se o Goberno, que xa anunciou días atrás que ía modificar á baixa as súas propias previsións económicas para 2013, partilla estes prognósticos do Banco de España. Fontes próximas ao PP indicaron que o Executivo é algo máis optimista que o BdeE, embora recoñecesen que o Estado non sairá da recesión até ben entrado 2014 (faríao, alén do máis, con crecimentos do PIB tan pequenos que apenas poderían resultar na criación de postos de traballo netos).

Austeridade versus emprego

Cómpre lembrar que a finais de 2012, desde a Organización Internacional do Traballo (OIT) asegurábase que as políticas de recortes e austeridade aplicadas polo executivo español non ían servir para saír da crise no curto prazo. Máis ben, apuntaba este organismo, provocan a imposibilidade de xerar emprego, polo menos até 2017. Así o manifestou un representante da OIT, Raymond Torres, que analisou o escenario laboral do Estado español, apuntando que o mercado laboral non vai crear emprego neto até "máis alá de 2017".


 

Comentarios