A previsión de produción de cereais no Estado español redúcese nun 12%

A Federación Rural Galega demanda accións da Administración da Galiza para estimular as explotacións galegas de cereal.
O prezo do cereal é chave para o sector agrogandeiro galego. (Foto: Xoves Photo)
photo_camera O prezo do cereal é chave para o sector agrogandeiro galego. (Foto: Xoves Photo)

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luis Planas, rebaixou esta segunda feira a previsión de colleita de cereal para este ano no Estado dos 20 millóns de toneladas iniciais a unha "pinza de entre 17 e 18 millóns de toneladas", o que supón ao redor de 12% menos respecto das previsións iniciais polos efectos da seca na produción de cultivos.

En declaracións a Nós Diario, o secretario xeral da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel Dacal, sinalou que estes datos "implicarán unha suba dos concentrados para a alimentación do gando". "Xa estaban encarecéndose os cereais por motivo da situación en Europa Central como consecuencia da guerra de Ucraína, e esta circunstancia vai incidir nesta liña".

"O gran problema é que isto non se vai compensar cos prezos que se lle pagan ao sector produtor", explica Dacal. "O diferencial entre ingresos e gastos vai seguir aumentando, co cal, a precariedade das explotacións agrarias galegas, sobre todo as gandeiras, vaise ver afectada".

Posibelmente, "se segue este ritmo", continua o secretario xeral da Fruga, "as explotacións leiteiras, que xa están por baixo das 6.000, poderán descender o seu número total por debaixo das 5.000".

Necesidade de incremento da produción de cereal

O titular español de Agricultura e Pesca lamentou que a pesar de que se implementaron medidas como a flexibilización dos terreos en barbeito ou o aumento a superficie dos cultivos, "non imos ter unha maior produción como consecuencia das altas temperaturas particularmente nos meses de maio e de xuño", en cultivos de cereais e oleaxinosas.

Ao respecto, Dacal afirmou que "a Galiza é moi deficitaria non só en cereais para a alimentación animal senón tamén en cereais para a alimentación humana", polo que "a nosa dependencia é grande e non temos soberanía alimentaria".

O representante da Fruga demandou a necesidade "dunha política desde a Administración galega e a Consellaría de Medio Rural destinada a fomentar a produción de cereal". 

"Hai que lembrar que fai corenta ou cincuenta anos a Galiza case se autoabastecía de cereal para as súas necesidades", mentres que hoxe "moitas zonas de produción están abandonadas", concluíu Dacal.

Comentarios