Os previsíbeis efectos do cambio climático ameazan as empresas galegas

Os fenómenos meteorolóxicos adversos son só unha das consecuencias do cambio climático que preocupan as expertas. No caso da Galiza, a previsíbel suba do nivel do mar supón unha ameaza maior para moitas empresas do país asentadas no litoral, algunhas delas incluídas na lista das máis contaminantes.
Planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) (Foto: Arxina).
photo_camera Planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) (Foto: Arxina).

As persoas expertas do Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC polas súas siglas en inglés) alertan no seu sexto informe, que actualiza o de 2013, de que o quecemento global está perigosamente cerca de saírse de control. Este organismo de Nacións Unidas con sede en Xenebra asegura que os fenómenos extremos, como vagas de calor, fortes precipitacións, secas e ciclóns tropicais, afectarán todas as rexións e de maneira máis frecuente e severa.

Detrás deles está a acción humana, de aí que o secretario xeral da ONU, António Guterres, afirmase que o avance do informe presentado esta semana "ten que ser a sentenza de morte para o carbón e para o resto de combustíbeis fósiles antes de que destrúan o noso planeta".

Este cambio obrigado de paradigma sitúa as empresas máis contaminantes no punto de mira, en especial as centrais térmicas, en proceso de desaparición na Galiza, mais aínda coa transición cara un modelo máis sostíbel por resolver e con centos de empregos no aire.

Os combustíbeis fósiles, como o gas natural ou o petróleo, son outros dos culpábeis da actual situación, de aí que empresas como Repsol, con refinaría na Coruña, Reganosa ou as eléctricas con ciclos combinados de gas no país se vexan na obriga de transformar o seu negocio para mitigar a súa pegada ambiental.

O hidróxeno parece ser a alternativa elixida por todas estas empresas, pero de momento é unha tecnoloxía que sen a achega de fondos públicos, neste caso dos Next Generation, dista moito de ser rendíbel. De aí que o seu desenvolvemento estea supeditado ao reparto que se faga dos cartos comunitarios.

Actuación urxente

As persoas expertas do IPCC reclaman "unha redución enérxica e duradeira das emisións de CO2" para limitar os efectos do cambio climático. Esta obriga ecolóxica co planeta sitúa tamén na lista de empresas chamadas a mudar o seu modelo as principais empresas contaminantes da Galiza, entres as que figuran Xeal, Grupo Tojeiro, Ence, Finsa, Alcoa, Alu Ibérica, Megasa ou Celsa Atlantic.

E é que, de non actuar de maneira "rápida, decidida e a nivel global", as expertas do IPCC advirten de que a temperatura media da terra aumentará por riba dos 1,5 graos centígrados en menos de dúas décadas.

As consecuencias desta suba de temperaturas a nivel global provocará variacións na humidade e na sequidade, nos ventos, na neve e no xeo e nas áreas costeiras, o que afectará en gran medida a sectores como a agricultura, o marisqueo, o forestal a viticultura ou a pesca.

Dobre ameaza no mar  

No caso da Galiza, ademais das alteracións na produción provocadas polo aumento dos fenómenos climáticos extremos, preocupa especialmente a suba do nivel do mar como consecuencia do derretemento dos casquetes polares. 

A Terra non experimentaba temperaturas tan altas desde a época do Plioceno medio. Daquela o nivel do mar era entre 15 e 25 metros máis alto que na actualidade, tal e como reflicten as evidencias xeolóxicas.

En 2019, un estudo da organización Climate Central sobre a previsíbel suba do nivel do mar no ano 2050 debuxaba unha Galiza descoñecida, co Grove e Aguiño convertidos en illas e boa parte dos portos de Ferrol, A Coruña, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo anegados polo aumento do océano Atlántico. 

A suba do nivel do mar ─e non tanto a reforma da Lei de Costas─ debería ser, pois, un motivo de preocupación para moitas das empresas asentadas no litoral galego, como conserveiras e depuradoras de marisco. Pero tamén para moitas das principais empresas do país. 

Segundo as previsións da organización norteamericana, a retracción da liña de costa afectaría, desde o norte, ao complexo de Alcoa en San Cibrao, aos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol e á planta de Megasa no concello de Neda. En Cee, a suba do nivel do mar deixaría baixo a auga parte da planta de Xeal (antiga Ferroatlántica), mentres que en Pontevedra acontecería o mesmo coa celulosa Ence

Máis chamativo é o caso de Vigo, cidade que perdería boa parte do seu porto ─a parte máis afectada sería a dársena de Bouzas─, pero onde tamén a crecida do río Lagares poría en risco a actividade da planta do Grupo Stellantis (antiga PSA) e boa parte das firmas auxiliares asentadas na súa contorna. 

Así as cousas, o informe do IPCC non é só unha chamada de atención á poboación sobre a necesidade de reducir o seu impacto no planeta, senón tamén un chamamento ás empresas a planificar o seu futuro en vista dos cambios que se aveciñan.

Comentarios