As prestacións superan os salarios como principal fonte de ingresos no 47% dos fogares de Galiza

En seis anos de crise o peso dos fogares cos salarios como alicerce perdeu 7 puntos porcentuais, o que supuxo, en termos relativos, unha caída do 18%.

salario soldo cartos diñeiro

Os salarios eran en 2008 a principal fonte de ingresos na maioría dos fogares galegos (no 51%), mentres que as pensións e prestacións érano no 38% e as 'rendas mixtas' (ingresos dos traballadores autónomos, incluídos os dereitos de propiedade) no 11%. Seis anos despois, o panorama cambiou a peor e non convida ao optimismo. As pensións e prestacións son a principal fonte de ingresos na maioría dos fogares (47%), desbancando a aqueles onde son os salarios o alicerce económico (baixan ao 43,8%). Tamén baixan as familias onde a principal fonte son as rendas mixtas: do 11% que eran no ano de inicio da crise ao 9% en 2013, último ano con datos.

Os fogares onde os ingresos de traballadores autónomos son a principal vía de ingresos caeu do 11 ao 9%

Así pois, nestes seis anos de crise produciuse unha forte diminución do número de fogares cuxa principal fonte de ingresos son os salarios, que caeu en 7 puntos porcentuais, o que supuxo, en termos relativos, unha caída do 18 por cento. En canto ás persoas que compoñen estes fogares, obsérvase unha redución do 23%. Ao tempo, o número de fogares cuxa principal fonte de ingresos non procede da remuneración do traballo (pensións contributivas e non contributivas) aumentou substancialmente.

Como apontan desde o Instituto Galego de Estatística, os fogares cuxa principal fonte de renda son os salarios absorben máis da metade dos ingresos totais. “A evolución dende o ano 2007 amosa unha forte caída do peso destes ingresos: no ano 2007 supoñían o 62% e no 2013 o 54%”. En consonancia co resultado anterior, o ingreso medio dos fogares redúcese no período un 6%. Esta redución dáse en todos os tipos de fogares, agás nos que as pensións contributivas constitúen a principal fonte de ingresos, e que acadan un incremento do ingreso medio do 19%.

Comentarios