As prestacións son xa a fonte principal de ingresos no 42% dos fogares galegos

Máis de 447.000 familias saen adiante no noso país grazas ás prestacións sociais, 78.000 máis que no comezo da crise.

"Fóra pobreza e explotación, non fundades a nosa nación"
photo_camera 'Fóra pobreza e explotación, non fundades a nosa nación'

Son a Galiza que ou non sae nos telexornais ou sae en forma de simple cifra aséptica e impersoal. Mais tamén os números saben falar, e así o fan o 4, o 7, o 3, e tamén o 1. Son o 447.313. É o número de fogares que na Galiza tiña nas prestacións sociais (desemprego, pensións,...) a súa principal fonte de ingresos. O 42% das familias galegas.

Os fogares onde o salario era a principal fonte de ingresos pasou do 62% a menos do 56% en menos de catro anos

Os datos oficiais indican que entre 2007 e 2011 houbo unha verdadeira guerra económica que deixou como vítimas as familias galegas. O Instituto Galego de Estatística (IGE) na súa serie histórica da 'Enquisa das condicións de vida das familias' cifra en 371.602 os fogares que a inicios de 2008, nos comezos da crise, estaban nesa situación. Eran, daquela, o 37,05% das familias do país. Unha porcentaxe que a finais de 2011 era do 42 por cento.

Neses catro anos as prestacións sociais convertéronse na trabe principal dos fogares de 78.000 fogares máis, até os mencionados 447.313.

Ingresos por traballo e rendas

En paralelo, e como vasos comunicantes, houbo unha forte queda dos ingresos por traballo como fonte principal nas familias galegas. A principios de 2008 case o 62% dos fogares do noso país tiñan nos salarios e soldos os ingresos máis importantes. Catro anos despois esa cifra non chega o 56 por cento (é do 55,8%).

Nas estatíticas do IGE tamén se fala daquelas familias que teñen a principalfonte en ingresos 'doutro tipo'. Son, por exemplo, as rendas. Aquí están o 1,9% dos fogares de Galiza, uns 20.000.

Comentarios