O presidente da patronal galega apoia a transferencia da AP9 a Galiza e pide que se retiren as peaxes

Antón Arias defenda a renda social, considera que o modelo económico non debe basearse na “precariedade” e afirma que a reforma laboral non solucionou problemas como o paro.

Antón Arias CEG patronal
photo_camera Imaxe: Radio Galega

Antón Arias, novo presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, posicionouse a favor da transferencia da AP9 a Galiza, así como que a tamén coñecida como Autoestrada do Atlántico sexa libre de peaxes pois considera que xa está máis que amortizada e que iso favorecería a competitividade. Así o manifestou este sábado o  presidente da patronal galega nunha entrevista na Ser-Coruña.

Arias tamén se pronunciou nesa entrevista con respectoa  cuestións como a renda básica ou a reforma laboral e fíxoo cun discurso afastado do que até o de agora se mantiña por parte da ponte do mando do empresariado galego. Así, amosouse partidario de establecer ferramentas que faciliten o acceso a bens e servizos a toda a cidadanía, sobre todo cando camiñamos cara a un escenario, precisou, no que “o pleno emprego tal e como o entendemos agora vai ser imposíbel”. Asume que aplicar unha  renda básica, “hai 6 meses parecía moi revolucionario e hoxe está aceptado ata por Davos”, conlevará unha reforma fiscal, algo do que se amosa a favor. “É imprescindíbel e urxente”, dixo, ao tempo que engadía que “temos un problema de ingresos claro”.

Reforma laboral

Preguntado sobre a reforma laboral, Antón Arias afirma que non serviu para solucionar os problemas existentes, como o do desemprego, e que a mesma non é compatíbel cunha aposta de camiñar a cara un modelo económico que non se basee na precariedade e baixos salarios. “Deberiamos reverter a situación”, manifestou.

AVE

A respecto do AVE, Arias recoñeceu que o novo retraso non lle sorprendeu e advertiu que vai chegar a Galiza “non é o que se licitou”. Será de vía única, non dupla, e non comprenderá transporte de mercadorías o que considera que supón un prexuízo para o noso país á hora de competir.

Comentarios