O presidente da Cámara mineira recoñece que inflou os empregos a crear en Varilongo

Juan José López Muñoz foi despedido por incumprir a normativa laboral.
O presidente da Cámara Oficial Mineira da Galiza, Juan José López Muñoz, traballa actualmente en Strategic Minerals Europe Corp. (Foto: COMG)
photo_camera O presidente da Cámara Oficial Mineira da Galiza, Juan José López Muñoz, traballa actualmente en Strategic Minerals Europe Corp. (Foto: COMG)

O presidente da Cámara Oficial Mineira da Galiza -órgano consultivo tutelado pola Xunta-, Juan José López Muñoz, foi contratado este mes como encargado de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) e desenvolvemento de negocio circular na empresa Strategic Minerals Europe Corp, unha compañía dedicada á minaría, enfocada a proxectos mineiros como o da Penouta, no municipio de Viana do Bolo, explotada pola firma.

Porén, a contratación de López Múñoz neste posto de responsabilidade contrasta coa súa última experiencia laboral coa empresa australiana Rafaella Resources -agora Pivotal Metals-, da que foi despedido sen ter superado o período de proba, motivo que lle levou a interpor unha denuncia á propia firma, que posteriormente foi desestimada pola Xustiza.

A sentenza pola cal se desbotan os argumentos do presidente da Cámara Oficial Mineira de Galiza contra Rafaella Resources, á que tivo acceso Nós Diario proporcionada por fontes do movemento ecoloxista galego, certifica que López Muñoz xerou falsas expectativas sobre a creación de emprego en Santa Comba a través da actividade de Rafaella Resources -nome da firma en aquel momento- na explotación mineira de Varilongo (Santa Comba).

Segundo recolle o texto da sentenza como un feito probado, a Dirección de Pivotal Metals -antes Rafaella Resources-, a titular de San Finx e Varilongo, recriminou a López Muñoz "que non poden xerar expectativas que non poderán cumprir, colléndolle por sorpresa que se anunciase a creación de 120 postos de traballo en Santa Comba". En resposta, o presidente da cámara mineira galega, "pide desculpas por algúns errores tales como o de xerar falsas expectativas co anuncio da creación de 120 postos de traballo".

Non é a única chamada de atención que a empresa lle fixo a esta persoa, pois segundo tamén se apuntan como feitos probados, o actual traballador de Strategic Minerals Europe Corp foi expedientado no seu anterior emprego por consumir alcol antes de acudir ao seu posto de traballo na explotación mineira de Santa Comba, así como por incumprir a normativa de prevención laboral.

Segundo relata a xuíza, a Dirección de Pivotal Metals explicou a López Muñoz que debía "levar un equipo de alta visibilidade adecuado, cascos e botas" durante o seu traballo na mina, cousa que non fixo; "o que suxire que non se toma en serio a prevención de riscos ou que sente que a el non se lle aplica".

Defensa do proxecto ante a Xunta e o Concello

López Muñoz, cuxa relación co PP de Santa Comba é coñecida no municipio, soando incluso como posíbel integrante dos primeiros postos das listas populares nas vindeiras eleccións locais, aludiu á súa defensa do proxecto mineiro de Varilongo ante a Xunta e o propio Concello como defensa cando se lle notificaron os expedientes por consumo de alcol e incumprimento das normas de prevención laboral no seu posto de traballo.

Nun correo electrónico enviado tras serlle notificadas as sancións, López Muñoz exponlle á empresa que "non dá crédito -polas sancións-, que lle custa crer o que está a suceder e parécelle inaceptábel que se lle faga iso, que non o merece e menos na mesma semana en que defendeu o proxecto ante a Xunta e o Concello, co resultado coñecido".

Un salario de 86.500 euros anuais sen contar os extras

Ao ser despedido do seu anterior emprego en Rafaella Resources, López Muñoz perdeu tamén un salario de 86.500 euros anuais, complementado cun extra de 30% por obxectivos, coche de empresa e seguro médico. A pesar de ter defendido ante a firma -agora Pivotal Metals- que non era necesario un período de proba para unha persoa cunha extensa traxectoria e unha experiencia coma a súa, o certo é que o presidente da Cámara Oficial Mineira da Galiza non superou nin a metade do tempo de proba que finalmente foi estabelecido -de seis meses-.

Após ser reprendido polo incumprimento da prevención de riscos laborais, polo consumo de alcol, por xerar falsas expectativas de creación de emprego ou por non notificar incidencias acontecidas na explotación mineira, López Muñoz foi despedido de Varilongo.

[Nós Diario publica, a petición do Sr. Don Juan José López Muñoz, a seguinte solicitude de rectificación remitida a este xornal, orixinariamente en castelán].

O titulo e subtitulo da noticia son rotundamente falsos. En primeiro lugar quero facer constar que o feito de que ostente o cargo de Presidente da Cámara Mineira de Galicia non garda vinculación algunha coa relación laboral que mantiven con GALIClAN TIN & TUNGSTEN SL, (en diante GTT) polo que considero que o titular ademais de falso pretende danar tanto a miña imaxe como á institución. Era presidente da Cámara Mineira de Galicia antes de ser contratado por GTT, e sígoo sendo, unha vez que a relación laboral se extinguiu. E o meu labor na citada empresa foi desempeñado por Juan José López Muñoz, enxeñeiro de minas con máis de 20 anos de experiencia contratado tras un proceso de selección comandado por unha HeadHunter -cazatalentos- especialista no sector da minaría con sede en Reino Unido e non polo Presidente da Cámara Mineira de Galicia.

Feita esta puntualización, continúo sinalando que é falso que fose despedido por incumprir a normativa laboral. De feito, nin tan sequera fun despedido.

Con data do 11 de outubro de 2021 recibo unha comunicación por parte de GTT, a miña verdadeira empregadora e non Rafaella Resources á que insistentemente aluden na noticia, notificándome o cese por non superar o período de proba con efectos do día de hoxe, no uso da cláusula sétima do contrato celebrado entre as partes (sic).

Tendo en conta que apreciei e sigo considerando que o uso desta figura por parte de GTT obedecía única e exclusivamente a unha represalia dirixida cotra min, traballador da mesma, por advertir a GTT da miña intención de impugnar unha comunicación de sancións que tiña recibido con data do 4 de outubro -unha semana antes-; é polo que interpuxen fronte ao cese instado por GTT unha demanda -que non denuncia- para que se apreciase que o comportamento da empresa era constitutivo de ser considerado como un Despido NULO por vulneración dos meus dereitos fundamentais -garantía de indemnidade art. 24 CE – e subsidiariamente como improcedente, por apreciar de acordo coa Xurisprudencia do Supremo que as circunstancias da miña contratación facían inxustificada e non axustada a dereito a inclusión da figura do período de proba unilateralmente imposto pola empregadora no contrato que nos uniu.

En resumo, e en relación co relevante para o dereito de rectificación, NON fun despedido por incumprir normativa laboral ningunha.

En consecuencia, é falso que na Sentenza de 28/09/2022 ditada polo Xulgado Social nº 1 de Santiago de Compostela se acollesen os argumentos que a noticia destaca, pola sinxela razón de que estes non foron obxecto de debate. Os feitos que menciona a noticia son extractados dun Feito Declarado Probado pola sentenza á que tivo acceso a vista, grazas a que a miña representación procesual incorporou como ramo de proba documental, emails que intercambiamos eu mesmo, como Director Xeral de GTT, e o CEO de Rafaella Resources. É dicir, é falso que a sentenza acredite e dea por probado nada do que din na noticia, simplemente traslada ao procedemento manifestacións que se recollen nos emails que loxicamente deben ser valoradas tomando en consideración que están realizadas no contexto dunha relación laboral, por membros dunha empresa que non están en plano de igualdade senón sometidos a unha clara xerarquía.

Pola contra, si é certo que recibín comunicación de sanción. De feito, na mesma comunicación infórmanme de que, a xuízo de GTT debo ser sancionado por dúas Faltas MOI GRAVES. É curioso, por chamalo dalgún modo, porque podendo sancionarme en atención á cualificación, co despedimento ou emprego e soldo, optan simplemente por amoestarme por escrito. Con todo, inopinadamente, cando dirixo o email que destacan na súa noticia sinalando que non dá crédito no que sinalo ademais ao meu interlocutor que; "Agradeceríache que me deras unha resposta nunha semana; en caso negativo, véxome forzado e obrigado a buscar axuda para defenderme de este sen sentido" a miña empregadora opta de forma inmediata por comunicarme o cesamento por non superación de período de proba. O que nun principio solucionaban cunha amoestación por escrito tórnase en cesamento por non superación do período de proba cando sinalo e advirto que me defenderei dunhas sancións surrealistas e que non sucederon.

E é que, non doutra forma pode cualificarse unha sanción por consumo de alcol cando me tomei unha "cervexa 0,0" nunha comida de traballo fóra do centro, e outra por non portar os equipos de protección individuais cando a empresa non mos entregou cando debía e ademais o meu labor como Director Xeral se circunscribía a oficina e reunións fóra da Mina.

Con todo, esas dúas sancións foron impugnadas. Unha tramítase como procedemento de Sancións 633/2021 perante o xulgado núm. 4 de Santiago e ten sinalada data de vista para o próximo 23 de febreiro de 2023. Convídolles a vir a Sala para ver a cara da Súa Señoría cando lle mostremos - a GTT xa lle consta - a factura emitida con motivo da comida na que figura que os comensais beberon dúas augas e unha cervexa 0,0; e a outra deu orixe aos autos de Sancións 629/2021 que se seguen perante o Xulgado Social 1 de Santiago e está previsto que os actos de conciliación e xuízo se celebren con data do 30 de maio de 2023. Convídolles tamén a vir á vista, non alcanza o grao surrealista e grotesco do anterior pero vai á zaga.

Din, tamén na noticia, interpreto a modo de reproche que no email que remito con data de 7 de outubro de 2021 á empresa após recibir a comunicación das sancións, fago referencia á defensa que fixen do proxecto mineiro antes as Administracións, Xunta e Concello.

Por suposto, ese era entre outros, o meu labor. A posta en funcionamento da Planta Piloto da Mina antes de finais de setembro do 21 e trasladar, expoñer e defender o proxecto ante as Administracións concernidas era un dos meus labores. Ademais logrouse e fun felicitado expresamente por GTT; e Rafaella Resources, propietaria de GTT, que é a empresa que cotiza no mercado bolsista australiano tivo que publicar ese feito como feito relevante.

O salario pactado é o que sinalan e en absoluto extraordinario para un persoal de alta dirección. O que si resulta menos habitual é que GTT incumprise co pactado como salarios en especie. Nin formalizou seguro médico familiar, nin puxo coche á miña disposición, e até se equivocou -e non me deixarán mentir- no abono dunha nómina e ingresoume unha cantidade inferior á que me correspondía, cousa que despois emendou.

Por último e para finalizar a modo de resumo quero destacar que NON fun despedido por incumprir normativa laboral, que acato a sentenza ditada polo Xulgado do Social 1 de Santiago con data de 28/09/2022 mais non a comparto, polo que interpuxen contra a mesma Recurso de Suplicación que se tramita como numero 102/2022 ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En consecuencia e sobre a base do exposto considero que a noticia referenciada ao comezo e asinada por Ricardo Suárez cáusame un grave prexuízo na miña honra e profesionalidade, polo que en méritos do disposto nos artigos 1 e seguinte da LO 2/1984 de Dereito de Rectificación, requírolles expresa e formalmente para que publiquen no improrrogábel prazo de 72 horas a anterior RECTIFICACIÓN sen comentarios nin apostilas.

Comentarios