Apresentación na Coruña de 'As contas que nos contan'

A falacia da balanza fiscal Galiza-Estado

O economista Xosé Díaz apresenta esta sexta feira o libro ‘As contas que nos contan’, editado por Sermos Galiza, nun acto que será conducido pola directora do semanario, María Obelleiro.

Xosé Díaz. Apresentación de "As Contas que nos contan"
photo_camera Imaxe: X. Fandiño

As contas que nos contan’ é unha análise propia das balanzas fiscais entre Galiza e o Estado que edita Sermos Galiza e na que o economista e ex deputado do BNG Xosé Díaz cuestiona a metolodoloxía empregada polo Goberno central na súa elaboración. Un traballo que esta sexta feira, 17 de febreiro, será presentado na Coruña nun acto organizado polo Bloque co lema 'Por un concerto económico para poder financiar os servizos públicos básicos en Galiza'. A cita é ás 20:00 horas no local de Portas Ártabras, Rúa Sinagoga nº22, na Cidade Vella. A exposición de Xosé Díaz será introducida pola directora do semanario Sermos Galiza, María Obelleiro

O traballo pon en cuestión a propia concepción que os autores das balanzas do Goberno teñen a respecto da súa utilidade. Eles tentan asimilar as balanzas á economía cando non deixan de ser só unha parte desta. A metodoloxía non é algo menor, pois determina os resultados. A metodoloxía empregada polo Goberno, a de “carga-beneficio” –que, entre outras cousas impútalle a Galiza custos da Administración central do Estado que teñen a sede en Madrid, isto é, os chamados bens públicos puros-, é “falsaria e acientífica” para o autor. O Estado impútalle a Galiza máis de 1.100 millóns de euros por estes “servizos comúns” (Defensa, Seguranza, etc), a porcentaxe que estima lle corresponde polo “gasto” de máis de 17.000 millóns de euros que, ao parecer, supón a presenza da Administración Xeral do Estado en Madrid.

Alén das fiscais, Xosé Díaz considera que para unha análise seria das relacións económicas entre Galiza e España cómpre incluír tamén outras variábeis, como a balanza enerxética ou a propia do sistema financiero, entre outras.  

O libro pode adquirirse na nosa loxa. 

Comentarios