Preocupación no sector da ría de Arousa polo incremento dos roubos de cría nas bateas de mexillón

A principal organización de produtores, Opmega, advirte do importante prexuízo económico que causan uns roubos que afirman que son “cada vez máis frecuentes”.

mexillon batea ria de arousa mar
photo_camera Foto: Opmega

Esta fin de semana roubáronse en dúas bateas na zona de Viláxoán máis de 100 cordas de mexilla, a cría do mexillón. Unha acción que non é illada, pois vén a se sumar a outros roubos en bateas que ao longo destes meses decorreron en augas da ría de Arousa. A principal organización do sector produtor, Opmega, fala de roubos “cada vez máis frecuentes”, lembra que causan importantes prexuízos económicos e anima a denunciar estes casos.

“Os roubos afectan a todos os polígonos e o prexuízo económico é moi importante, poden implicar a perda da colleita enteira, supoñendo anos de traballo”, explica a Organización de Produtores de Mexillón de Galiza. Opmega anuncia que se dirixirá á administración galega para pedir que adopte medidas.

Na Galiza hai 3.337 bateas de mexillón. A produción en 2017 foi de 260.000 toneladas, cun valor de 122 millóns de euros. O sector dá emprego directo a 11.000 persoas e indirecto a máis de 7.000, segundo dados do Consello Regulador do Mexillón.

Comentarios