Preferentes: as voces que non queren escoitar Feijóo nin Castellano

Son milleiros. Case cen mil. E teñen voz, rostro e discurso. De Ortegal ao Miño, @s afectad@s polo calote de preferentes e subordinadas falan, e claro, de como as entidades financeiras lles roubaron e os gobernos consentiron
preferentes
photo_camera preferentes

Son perto de 100.000 na Galiza @s estafad@s polas preferentes e subordinadas. Son, pois, perto de cen mil as historias que hai no país de como a lóxica financeira non coñece limites. Nin entre os seus clientes máis lonxevos. @s afectad@s teñen voz, rostro e unha historia propia. E ganas de a contar.

Manuel Dios, da comarca de O Salnés. Ten 62 anos e toda unha vida de traballo. En Cataluña, na construción, uns poucos anos. Volveu ao pouco, "estaba ben, gañaba cartos, mais quería montar a miña vida aquí". Fíxose coa concesión dunha batea que traballou arreo e que agora pasou aos seus fillos. En 2004 meteu perto de 90.000 euros en preferentes. "Como tod@s, deixándonos aconsellar polo da sucursal de toda a vida, con quen tiñamos na vila moita confianza". Necesitaba quitar os cartos para pagar un tratamento custoso dun familiar, "para gañar tempo tiñamos que ir pola privada porque era importante. E non puiden retirar os cartos", sinala Manuel Dios. "Deume ganas de matalos. Chameilles ladróns e de todo". Tivo que pedir os cartos prestados entre amigos, "cando tiña 90.000 euros meus, que son meus, no banco". Recoñece que votaba PP mais agora "nin de broma van ter o meu apoio, teñen tanta responsabilidade como o banco que me quere roubar os cartos".

Josefa García, de Lugo. Fala rápido e de xeito contundente. "É que me quento falando disto. Vou dicir moitos insultos, seguro, mais non mos poñas, vale?". Conta a súa historia: 60.000 euros aforrados co seu marido tras máis dunha década de emigración en Suíza. "Convencéronme para metelos en preferentes dicíndome que, se os precisaba, podía sacalos en dous ou tres días sen problema". E era mentira. Decatouse cando os foi pedir para axudar unha das fillas a montar un pequeno negocio após quedar no paro. "Dixéronme que non podía sacar o diñeiro, que patatín e que patatán", relata cun asomo de ironía. "A miña filla non puido montar o pequeno negocio e segue no paro", relata Josefa. "Aínda que agora recupere todo o que me deben, quen paga o destes anos de estragar a vida da miña filla, quen? Feijóo?, Rajoy?, o do banco?". É viúva: "Se el (o marido)vivise montaba unha que aínda iamos presos", apunta.

Carlos Piñeiro, da comarca do Sar. Non falta a unha manifestación de afectad@s polas preferentes e subordinadas, nin a unha concentración nin a unha protesta. "Xa perdín a conta, mais foron unhas cantas, en Compostela, A Coruña, fun até Sanxenxo cando estaba Rajoy...". Todo o que aforrou, meteuno en preferentes, "fiándome do do banco de toda a vida, o mesmo con quen tiña coincido tomando un café nun bar da vila, Padrón, e pagado a consumi-ción". Foron máis de 50.000 euros. "Fun quitalos e non puiden. Precisábaos pa-ra arranxar o tellado da casa, que pin-gaba e chamaba por unha reparación. Non mos deron mais teño que seguir a pagarlle o crédito dun coche, aos moi desgraciados. É de tolos!". Piñeiro carga contra a vía da arbitraxe: "Aí é onde nos queren coller. Dividirnos, cazarnos un a un para que perdamos forza porque somos miles e miles e xuntos dámoslle medo". Acusa o goberno galego e español "de non dar a cara por nós, senón polos bancos. Son igual de ladróns".

José Antonio Hermo, da comarca do Barbanza. Máis de corenta anos navegando. Da mercante en buques de empresas de Noruega até a pesca nos cinco océanos. "E mira que no mar o pasas mal, mais a hostia que me deron en terra non ten comparación". Coa ostia en terra refírese ao calote das preferentes. Os aforros de todos estes anos no mar están agora en mans dun banco, "que me enganou, mentiume. E vai quedar co meu diñeiro se nós non o impedimos, e con nós digo os afectados e quen nos apoia porque dos gobernos non esperamos nada, déronnos as costas". Non quere dicir a cantidade metida, "non é tanto como outra xente, mais eran os meus aforros de moitos anos traballando. Eu case non estudei, traballo desde moi novo no mar". Mais eses cartos que investiu en preferentes en 2003 necesitounos hai uns anos para unha urxencia: "Non era cousa de broma. Tiña que pagar uns vencementos. E non puiden. Amoláronme ben e quedei a mal cun compadre". Hermo participou en accións perante entidades de Novagalicia "e xa me teñen denunciado. Os ladróns denunciando o roubado!. É un escándalo".

Son só catro exemplos de entre @s perto de 100.000 afectad@s polo calote das preferentes que hai na Galiza. A metade deles, e to@s @s que saen nesta reportaxe, son de Novagalicia Banco. @s catro botan pestes da entidade, da Xunta, do goberno central e da arbitraxe como vía para solucionar o seu problema. O número de solicitudes de arbitraxe presentadas pol@s afectad@s das preferentes sitúase pola volta dunhas 17.000. Mais Novagalicia Banco (NGB) só acepta someterse á arbitraxe en 4.000 desas solicitudes. Isto é, só unha de cada catro.

"Esa saída é a favorita dos bancos que nos roubaron e do goberno, que non fai nada polo pobo, que foi o roubado. Temos que darlles unha lección. Aos dous" ."E son as eleccións un bo momento para iso?". "Son".

 Máxima alerta no PP polas mobilizacións d@s afectados en campaña e a perda de votos entre este colectivo

“Estes vannos foder a campaña... e a ver se non nos foden as eleccións”. A frase, breve e descritiva, foi pronunciada no Grove a pasada fin de semana por un dirixente do PP en Pontevedra despois de que ducias de afectad@s polo calote das preferentes amargasen a visita electoral de Núñez Feijóo a esta vila arousá, para asistir á Festa do Marisco. A presenza de afectad@s obrigou ao candidato popular a facer un percorrido máis que fugaz polas instalacións e fanou a intención de saír nos medios recollendo abrazos e apertas entre @s asistent@s ao multitudinario evento gastronómico.

Non era esta a primeira vez que o PP comprobaba en campaña ou precampaña o malestar que a súa posición no calote das preferentes xerou en milleiros de afectad@s. Son perto de 100.000 na Galiza, pola volta da metade das cales eran clientes do que callou en Novagalicia Banco (NGB). De feito, o arranque de campaña popular en Soutomaior, o 1 de setembro e coa presenza de Mariano Rajoy e Núñez Feijóo, estivo marcado polas protestas deste colectivo. Antidisturbios da Policía Nacional non dubidaron en cargar contra @s protestantes, concentrados perante o castelo onde o PP era  todo sorrisos e parabéns entre eles.

Comentarios