Sermos en papel

As pragas collen a Xunta co pé cambiado

A couza guatemalteca é, por agora, a última praga a sumar á lista de patóxenos que nestes anos entraron na Galiza, afectando produtos e recursos de terra e de mar. Está o goberno a reaccionar de forma adecuada? Respondemos a esta pregunta no Sermos Galiza en papel, o 235, xa á venda na loxa e nos pontos de venda habituais.

A couza guatemalteca chegou a Europa a través das Canarias, onde foi detectada hai 18 anos. En 2015 descubríase na Galiza, en tres concellos da comarca de Ferrolterra. En menos de dous anos propagouse e a comezos de 2017 xa son 31 os municipios afectados, ameazando a praga con se estender polo país, chegando a aquelas comarcas e áreas (Terra Cha, A Milia...) produtoras e comercializadoras do tubérculo. Agora si, préndese a luz vermella en San Caetano, dous anos despois. “Tarde, mal e arrastro”, como di o refrán galego. Unha xestión, a do goberno galego, que non convence nin produtores nin organizacións agrarias nin forzas políticas da oposición. Todos eles denunciaron a tardanza en reaccionar, a falla de información e interlocución, a súa submisión a Madrid [agardando que o Ministerio publicase un decreto sobre o que a Xunta tiña competencias] e que aposte en botar balóns fóra: por exemplo, pousando nos concellos a responsabilidade de controlar a salubridade e garantía das patacas nos gobernos locais.

4Mais a couza guatemalteca non é, nin moito menos, a primeira praga ou patoloxía que nestes últimos anos se detectou no noso país e afectou de maneira importante a produtos e recursos, for de terra ou de mar: desde berberechos e ameixas até castaña, kiwis ou mel. Para alén do impacto na biodiversidade. Unhas consecuencias, logo, que nos levan a nos preguntar se está a administración galega a afrontar correctamente todas estas situacións.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 235, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios