O PP rexeita crear unha Corporación industrial pública galega

O grupo popular vira as costas á proposta do BNG e di que "non" defende "o modelo intervencionista", segundo o deputado Hipólito Fariñas. 

A iniciativa foi proposta na Comisión sexta polo grupo parlamentar do BNG que xa achegara hai un ano unha iniciativa semellante. A proposta d@s nacionalistas visa agrupar as sociedades mercantís galegas de carácter público e aqueloutras empresas que tiveran percibido axudas da administración para deseñar unha estratexia industrial pública que free a destrución deste sector en Galiza. 

A deputada do Bloque, Carme Adán, debullou os dados da filiación á Seguridade Social para exemplificar a "evolución" do sector e dar conta da súa "situación" e "perspectivas" de futuro. Neste senso, desde que Alberto Núñez Feijóo chegou á Xunta de Galiza en marzo de 2009 perdéronse no noso país 35.536 filiad@s, o 21,8% situándose, após a construción, como "o sector onde se perdeu maior volume de filiados", tanto en números relativos como absolutos, acrecentou a parlamentar. 

O sector industrial galego perdeu 35.536 filiacións á Seguridade Social desde que goberna Feijóo

A diagnose do grupo nacionalista foi partillada polas demais forzas da oposición. Tanto AGE como o PSdeG, advertiron da "desindustrialización" de Galiza e das consecuencias que a queda deste sector supón para a economía do país. Abel Losada, asegurou desde as ringleiras socialistas que "o índice de produción industrial" no país "caeu catro veces máis que no conxunto de España", de acordo cos dados publicados polo INE. Un feito que, defenden, urxe a intervención pública para reverter a situación e evitar que Galiza se torne nun país "sen futuro" e "dependente", afirmou Chelo Martínez en nome de Alternativa Galega de Esquerda. 

O PP rexeita o "modelo intervencionista"

Porén, o grupo que apoia o goberno, rexeitou a proposta do Bloque por considerar que a iniciativa reflicte "dous modelos distintos" de "entender" e "defender" o tecido industrial galego. "Non defendemos o modelo intervencionista", asegurou o deputado Hipólito Fariñas. Para o popular Galiza conta na actualidade cun "modelo de desenvolvemento propio" baseado en entidades como o IGAPE e na achega de "créditos participativos" através da administración. 

O PP defende a súa xestión que para a oposición se basea en "subvencións" e "auto-bombo"

Fariñas defendeu a xestión do Partido Popular asegurando que "os dados están riba da mesa". Malia as críticas da oposición á queda das filiacións á Seguridade Social e do volume de produción, para @s populares, as demais forzas políticas "nunca ven nada positivo no que fai este goberno".

Así as cousas, desde o Bloque denuncian que a política industrial do PP se basee nas "subvencións" e o "auto-bombo". Medidas, sinalou Carme Adán, que "non garanten o emprego" nen "a viabilidade" ao tempo que, denunciou, "benefician en moitos casos só aos empresarios". 

"O modelo que temos non funciona", sentenciou Adán, "tampouco o IGAPE", dixo. Órgao para o que pediu tamén "unha reforma". 

Comentarios