O PP vén de rexistrar una moción no Congreso das Deputadas para someter a votación a idoneidade das operacións de rescate que leve a cabo a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e encargar unha valoración externa e independente para comprobar a legalidade en caso de sospeitas.
Esta medida, que de aprobarse podería interferir na operación de venda da planta de Alcoa, no rescate a Celsa (con planta na Laracha), e mesmo a Alu Ibérica, no caso de que o organismo público decida tomar o control das plantas, fundaméntase nas críticas dos populares á falla de rendición de contas do Goberno español.
En concreto, alúden ao fondo de rescate de empresas estratéxicas xestionado pola SEPI, así como no feito de que a empresa pública leve descabezada desde outubro de 2019, cando cesou Vicente Fernández pola súa imputación no 'caso Aznalcóllar'.
Desde entón, a presidencia do organismo mantense sen cubrir.
No caso de prosperar a moción, o control das operacións por parte do Congreso podería traducirse nun alongamento dos procesos nos que a rapidez na execución dos rescates é chave en moitos dos casos para garantira a viabilidade da firma socorrida.
O que non está claro é se vai afectar só as empresas que se acollan ao fondo extraordinario, como é o caso de Celsa, ou tamén se fará extensivo a outras operacións levadas a cabo pola empresa pública, como pode ser a compra da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao.
Hoxe mesmo transcendeu a dimisión do director xeral de Alu Ibérica, unha das empresas que podería verse afectada se prospera a medida.