O PP fará campaña cos dados do paro do INEM mais a única estatística oficial para a UE é a EPA

Esta sexta feira déronse a coñecer os dados do paro rexistado. Son positivos para Galiza na comparación co Estado. Mais son pouco fiábeis. 

oficina emprego

En agosto o paro rexistado diminuíu na Galiza a respeito do mes de xullo nun 1,23%. O descento inter-mensal na Galiza acadou as 2.421 persoas. En España, en troca, houbo un incremento: 14.435 altas nas listas do desemprego a respeito de xullo deste ano. Se ollarmos a evolución inter-anual, tomando como base os dados de agosto de 2015, o paro rexistado desceu na Galiza nun total de 20.687.

Reflicten estes dados a realidade do mercado laboral galego ou español? Os expertos e a UE acreditan que non. O paro rexistado indica exactamente o número de persoas que están apuntadas nas oficinas do INEM, mais existe un importante número de cidadás e cidadáns que non lle ven sentido a se inscribiren porque non teñen ningunha esperanza en achar traballo. Daí que se considere moito máis solvente o dado da EPA, a Enquisa da Populación Activa, a única que emprega a UE, através de Eurostat, para harmonizar as estatísticas de emprego dos Estados membros.

E que nos dixo a última mostra da EPA, correspondente ao segundo semestre de 2016? Pois xustamente o contrario que o paro rexistado, isto é, que o mercado de traballo galego experimenta unha evolución pior do que o español. Así, se no conxunto do Estado o paro EPA diminuíu o 4,5% a respeito do primeiro trimestre de 2016, na Galiza só o fixo nun 2,17%.

Naquela altura, desde a CIG púñase en destaque que na Galiza tiñamos "5.500 activos menos do que o mesmo período do ano anterior".

Argumento de campaña

De acordo coa EPA, na Galiza hai neste momentos 222.900 persoas no desemprego, face os 193.045 que recolle o paro rexistado, unha substancial diferenza na contorna das e dos 30 mil parados.

A bon seguro en todo caso que as estatísticas do paro se han converter en argumento da campaña eleitoral, co PP e os seus meios afíns a erguer a bandeira dos dados do INEM, non os da EPA.

Comentarios