PP e PSOE acordan crear unha comisión de arbitraxe para @s estafad@s polas preferentes

A comisión, composta por representantes do Banco de España, Consumo e a Comisión Nacional do Mercado de Valores, decidirá sobre o perfil dos e das afectadas que poden recorrer á arbitraxe para recuperar o seu investimento
Concentración estafad@s polas preferentes diante do Parlamento
photo_camera Concentración estafad@s polas preferentes diante do Parlamento

PP e PSOE veñen de pactar en Madrid a creación dunha comisión de seguimento, na cal se decidirá o perfil dos e das estafadas plo calote das preferentes que poderán recorrer á vía da arbitraxe. Esta comisión, composta por representantes da CNMV, Banco de España e Consumo, entre outros; fixaría as condicións básicas para que se poidan anular aquelas condicións que impiden a milleiros de aforradores na Galiza e no Estado recuperar os cartos investidos.

As preferentes comercializadas por Novagalicia Banco serán obxecto de revisión por esta comisión, que estará baixo seguimento do Parlamento español. Cómpre lembrar que dos perto de 90.000 afectados por preferentes e subordinadas que hai na Galiza, a metade son das comercializadas pola entidade financeira galega.

As diferentes plataformas de afectad@s existentes en Galiza intensificaron nestes últimos meses as súas protestas e mobilizacións ao considerar que os gobernos español e galego lles deixaron abandonados. A isto engádese que a quita fixada por Bruxelas para pagar a factura do rescate bancario pon en perigo que recuperen o 100% dos seus aforros investidos.

Comentarios