Povisa prepara a súa venda a unha sociedade de capital estadounidense

Sería a segunda venda do complexo hospitalario vigués desde a súa posta en andamento, na década dos setenta. O interesado, Ribera Salud, é unha empresa participada en 90% por Centene Corporation. O Sergas pide que se garanta calidade asistencial e empregos.

povisa

En poucas semanas, unha vez que Competencia dea o visto bo, Povisa podería pasar a mans de Ribera Salud, unha sociedade con base en Valencia mais que ten como dono (90% das accións) Centene Corporation, que figura entre as 500 principais corporacións estadounidenses e que se dedica ao negocio sanitario. Sería, de consumarse, a segunda venda de Povisa na súa historia, após pasar a propiedade a mans do grupo Nosa Terra 21 en 1997.

A dirección de Povisa tenta tirar ferro ás negociacións, indicando que nestes anos foron moitas as conversas mantidas con interesadas neste complexo. Porén, a importancia deste hospital privado, tanto polo número de persoas empregadas (1.300) como por ser, en base a un convenio co Sergas, o centro de referencia para 135.000 persoas na comarca; fai que esta operación se estea a seguir con moito interese.

Desde o Sergas xa lembran que o convenio con Povisa non caduca até agosto de 2022  polo que piden que de callar esta operación iso non afecte nin aos postos de traballo nin á calidade asistencial.

O cadro do persoal quer unha xuntanza urxente coa dirección de Povisa para que se lle explique e informe do estado das negociacións, dos que as representantes dos traballadores e traballadoras non tiñan coñecemento.

En 2018 Povisa entrou en concurso de acredores, o que finalmente retirou após un acordo co Sergas polo que a sanidade pública galega asumía o custo de determinadas medicacións.

Comentarios