O potencial da castaña na economía produtiva

Adóitase asociar ao outono, mais a castaña ofrece múltiples posibilidades no mercado de transformación que permiten desestacionalizar un froito que, despois de décadas deostado, goza agora de protagonismo na cociña. Os beneficios da castaña galega, que é recoñecida fóra da Galiza, van alén do económico, ao favorecer o asentamento da poboación no rural e ao contribuír a un monte ordenado. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 330 de Sermos Galiza.

Castañas (Foto: Nós Diario)
photo_camera [Imaxe: Galipedia] Castañas

4“Se queremos intentar que o monte sexa rendíbel desde a perspectiva forestal, hai que contemplar os vectores decisivos desde a época antiga”. Este foi o motivo que levou o investigador Héitor Picallo a escribir No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos (Fervenza), unha revisión histórica, asentada en documentación recollida en mosteiros e tamén civil, que erixe a castaña como un dos motores da economía rural do pasado. “Había unha cantidade inmensa de castiñeiros en todas as partes, desde O Courel até a Ribeira, chegaban case até pé de mar. Mosteiros como o de Oia amosaban interese no sector pola castaña e pola madeira de castiñeiro, que tamén se utilizaba na compartimentación de barcos”, explica, en declaracións a Sermos Galiza, o estudoso, que recorreu a pergamiños, datados entre 842 e 1517, para demostrar a importancia da castaña na economía desde os últimos séculos da Idade Media até os inicios da Idade Moderna. 

“Onde non había peixe, podía trocarse a castaña por peixe e en lugares como Cuntis podía ser pagada en moedas”, acrecenta Picallo, que alude ao protagonismo que tiña o castiñeiro nos dotes, nas peticións polas ánimas dos defuntos ou mesmo para eludir preitos, “non hai documento da época onde non estea o castiñeiro polo medio”. Do seu papel principal tamén dá conta o feito de que na toponimia maior un de cada sete topónimos teña relación coa árbore ou a gastronomía, “se non había patacas ou arroces, todo o acompañamento era con castaña”, conclúe o investigador.


O século XIX supuxo a entrada masiva a Galiza de patacas e millo procedentes de América. Cultivos que relegaron o produto autóctono, afectado polas pragas, a un segundo plano na alimentación. Porén, nos últimos anos a castaña constitúe un recurso cada vez máis destacado na gastronomía. Desde 2009 conta con selo de calidade e ten pasaporte para países como Xapón, Rusia ou México. A máis de 25 países exporta actualmente os seus produtos Cuevas e Cía, unha das catro filiais do Grupo Cuevas.

Maite González, xerente de Cuevas e Cía, remóntase aos inicios da aventura, “o noso vínculo coa castaña comezou nos anos cincuenta do século pasado, nun momento en que a actividade da sociedade se centraba na exportación de produtos agrosilvestres e é neste contexto cando o fundador da empresa decide exportar castaña fresca a América para atender a demanda por parte do importante colectivo emigrante”. Na década dos 70 comeza a comercialización de produto conxelado debido ao interese dos mercados asiáticos. “Na actualidade procésanse ao redor das 700 toneladas de produto fresco ao ano e unha gran parte comercialízase conxelado, dirixido sobre todo ao mercado xaponés, Francia e Suíza”, sinala a xerente de Cuevas e Cía, cuxo punto de inflexión chegou cando decidiron transformar a castaña en produtos envasados de alto valor engadido. Foi entón cando construíron a primeira fábrica de Marron Glacé do Estado, unha nave de 6.000 metros cadrados en San Cibrao das Viñas.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 330 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios