Portugal crea unha banca pública mentres o Estado español debate sobre Bankia

O vicepresidente do Goberno español, Pablo Iglesias, amosou as súas reticencias á integración de Bankia e Caixabank por entender que con esta operación o Estado perde a posibilidade de crear unha banca pública como a que Portugal prevé ter operativa en novembro para facer fronte aos efectos da Covid-19.
Entrada dun edificio de Bankia. (Foto: Rober Solsona / Europa Press).
photo_camera A participación do Estado en Bankia acada 61,8%, mais quedaría en 14% na entidade fusionada (Rober Solsona / Europa Press).

O anuncio de fusión de Bankia e Caixabank volveu evidenciar as diferenzas dentro do Goberno español sobre o papel que debería xogar a entidade presidida por Ignacio Goirigolzarri no escenario financeiro estatal.

Durante anos, Pablo Iglesias, vicepresidente do Goberno e líder de Unidas Podemos, defendeu a creación dun banco público a partir de Bankia, entidade nacionalizada polo Estado (posúe máis de 60%) após inxectar 24.000 millóns de euros no seu rescate, para inxectar financiamento ás pemes, ás persoas autónomas e ás empresas da economía social e, ao mesmo tempo, recuperar os cartos investidos. Baixo a titularidade do Estado, esta nova entidade podería introducir parámetros de xustiza no mercado hipotecario e atender a necesidades de ámbito social, como a exclusión financeira ou a promoción de vivendas sociais.

Agora, o Executivo de Pedro Sánchez, que sempre defendeu que o Instituto de Crédito Oficial é a verdadeira banca pública, pon en mans privadas o control  de Bankia. O Estado pasará a controlar aproximadamente 14% da entidade resultante, co que queda relegado a un papel secundario. O seu único obxectivo será o de recuperar a maior parte dos cartos investidos no rescate cando a situación económica sexa máis favorábel.

Banco público en Portugal 

E mentres se debate sobre banca pública no Estado español, no outro lado da península, en Portugal, avanzan na creación dunha auténtica banca pública. 

O pasado mes de agosto, a Comisión Europea deu luz verde ao proxecto de creación do Banco Português de Fomento (BPF), unha medida contemplada no programa de estabilización económica e social aprobado polo Goberno luso para mitigar os efectos económicos da crise da Covid-19.

A entidade, que terá a súa sede central en Porto e que comezará a operar o vindeiro mes de novembro, nace co obxectivo de "facer fronte aos fallos do mercado ou situacións de necesidade de optimización do investimento e promover a sostibilidade e a cohesión económica, social e territorial en Portugal". 

O banco terá capacidade para xestionar fondos de investimento e outros instrumentos encamiñados a apoiar a internacionalización das empresas do país. Tamén figura entre as súas funcións a de avalar sociedades a través do Fondo de Contragarantía Mutuo. 

Iapmei, unha institución resultante da fusión da Institución de Desenvolvemento Financeiro (IFD) o sistema portugués de garantía mutua (SPGM) e PME Investimentos, será a principal accionista, con 47,01%. A Dirección Xeral de Facenda e Finanzas (41,28%), Turismo de Portugal (7,93%) e AICEP (3, 77%), completan o cadro de accionistas da entidade, que nace cunha capital social de 255 millóns de euros.

A alternativa do ICO

No Estado español, moitas das funcións que terá o BPF asúmeas o Instituto de Crédito Oficial (ICO), que actúa como canalizador de investimentos produtivos. Na crise da Covid-19, está a xogar un papel fundamental na supervivencia de empresas grazas ás diferentes liñas de avais impulsadas desde Moncloa.

A diferenza dun banco tradicional, non ten depositantes nin accionistas, xa que está adscrito ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e finánciase a través da emisión de débeda pública nos mercados internacionais. Esas emisións están respaldadas polo Estado español, de aí que moitas expertas consideren unha temeridade  ampliar as súas funcións á concesión de préstamos e hipotecas, xa que sería a cidadanía a que respondería dos mesmos e restaría incentivos á súa devolución.

Unidas Podemos parece agora mostrarse máis partidaria desta opción. De feito, no seu programa xa recollía a creación do Banco de Investimento para a Transición Tecnolóxica e Económica (BITTE), unha entidade creada a partir do ICO, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) e a Empresa Nacional de Innovación (Enisa) para financiar o cambio cara un modelo produtivo máis verde e impulsar o I+D+i.

Co Igape na Galiza

No caso da Galiza, o BNG leva anos reclamando a creación dunha banca pública galega para xestionar o aforro após a "aniquilación" do sistema financeiro galego, unha medida que vai na liña da reclamación dun novo modelo de financiamento baseado nun concerto que permita ao país xestionar os seus recursos e estabelecer prioridades de gasto e investimento, así como intervir na política fiscal.

Galiza en Común tamén incluía no seu programa a creación dunha banca pública con capacidade para intervir empresas e investir en fondos privados. Sería a través de instrumentos como o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Xesgalicia, a xestora de fondos de capital risco da Xunta, e a sociedade de garantía recíproca Afigal.

Comentarios