Os portos de Burela e Celeiro poderán ser control fronteirizo polo Brexit

 

A decisión de incluír estas dúas infraestruturas galegas no listado tomouse hoxe no último Consello de Ministros do Ano. A categoría implica que poderán prestar servizos portuarios e realizar labores de desembarque e transbordo de produtos pesqueiros.

Imaxe de arquivo do porto pesqueiro de Burela. (Foto: Turismo da Galiza)
photo_camera Imaxe de arquivo do porto pesqueiro de Burela. (Foto: Turismo da Galiza)

As vilas Celeiro e Burela, e máis en concreto estes portos da Mariña, terán a posibilidade de converterse en control transfronteirizo debido ao Brexit. Así o decidiu hoxe o Consello de Ministros, que ampliou as infraestruturas nas que se realizarán as operacións de desembarque e movemento dos produtos da pesca en cinco.

Aliás Burela e Celeiro, entran na categoría Arrecife e Puerto del Rosario, en Canarias, e Pasaia, en Euskadi. Esta consideración por parte do Goberno do estado español tamén implica que estean capacitados para realizar servizos portuarios a embarcacións das frotas de terceiros países.

Malia que o listado non se ampliaba desde fai dez anos, “a saída do Reino Unido da Unión Europea facía preciso aumentar o número de localizacións onde os seus pesqueiros poidan recibir” esta atención.

Aínda así, para exercer estas labores, Celeiro e Burela deberán incorporar un punto de control fronteirizo do que carecen até o momento. Esa ferramenta é básica para facer a carga e descarga de peixe de países non comunitarios.

Está por ver se ese sistema chega a pórse en marcha por terras galegas, pois o Consello de Ministros non informou de prazos nin de formas para crear o control.

Primeiros contactos

Por outra banda, o director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Ignacio Gandarías, mantivo esta terza feira unha reunión con representantes da frota de Gran Sol para explicarlles as novas operativas na pesca en augas británicas debido ao acordo comercial entre o Reino Unido e a Unión Europea.

No entanto, a frota galega xa vén amosando o seu malestar cos cambios desde hai meses e fíxoo con especial insistencia nas últimas semanas, nas que ve a nova situación como unha ameaza para o seu futuro.

Comentarios