Os portais de alugueiro turístico ofertaron 1.000 vivendas máis que as rexistradas na Galiza

Un informe do Instituto Nacional de Estatística contabilizou 12.548 vivendas turísticas ofertadas en portais como AirBnB en agosto, mes no que constaban 11.520 Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT).
Bañistas na praia de Silgar, coa vila de Sanxenxo ao fondo (Imaxe: Wikimedia).
photo_camera Bañistas na praia de Silgar, coa vila de Sanxenxo ao fondo (Foto: Wikimedia).

No verán de 2020, cun turismo marcado pola pandemia, foron as vivendas de uso turístico as que coparon unha gran parte das reservas. Desde que a Xunta da Galiza regularizou este tipo de aloxamentos en 2017 o número de vivendas non deixou de medrar. Así o confirma tamén un estudo experimental do Instituto Nacional de Estatística (INE) que extraeu os seus datos de portais de alugueiro vacacional, como AirBnB.

Sétimo territorio

En agosto deste ano, o INE localizou na Galiza 12.548 vivendas turísticas anunciadas ofrecendo unha media de 5 prazas cada unha, un total de 67.050. A porcentaxe media de estabelecementos dese tipo sobre o total de vivendas nos concellos situábanse en 0,8% .

Ese mesmo mes no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), de inscrición obritagoria, figuraban 11.520. É posíbel pois que uns 1.000 estabelecementos operasen de maneira irregular. Curiosamente, as cifras do REAT de decembro aseméllanse ás do INE, 12.041.

O obxectivo da operación do instituto estatal é "subministrar información dun fenómeno crecente". Segundo o informe, Galiza é o sétimo territorio con máis vivendas turísticas, superada por Andalucía, Catalunya, a Comunitat Valenciana, as Canarias, as Illes Baleares e Madrid. En cambio, é o noveno territorio en canto a proporción destes estabelecementos sobre o total de vivenda, se ben hai que ter en conta que é o primeiro territorio en inmóbeis baleiros.

Número de vivendas turísticas nos concellos galegos en agosto de 2020 (Imaxe: INE).

Na Galiza, só un municipio superou as 1.000 vivendas turísticas, Sanxenxo, con 1.048. Este concello concentrou ademais a segunda porcentaxe máis alta de vivendas turísticas sobre o total de vivendas da localidade, 6,2%. A primeira corresponde a Carnota, cunha taxa de 6,96% e 236 aloxamentos. En troques, o segundo concello con máis vivendas, Santiago de Compostela, sumou 759 e 1,59% do total do parque inmobiliario. 

Oferta costeira

Seguindo a tendencia estatal, obsérvase como as maiores concentracións de vivendas turísticas da Galiza se situaron en áreas costeiras, neste caso no litoral atlántico. Na comarca de Vigo ofertábanse, por exemplo, 186 aloxamentos en Baiona e 156 en Nigrán. A propia cidade olívica case igualou Compostela, con 758. Na comarca do Salnés, máis alá de Sanxenxo, destacan O Grove, con 360 vivendas turísticas e 4,62% sobre o total da localidade, ou Vilagarcía de Arousa, con 200 e 1,01%. 

No Barbanza, ofrecíanse 515 aloxamentos entre Ribeira, Porto do Son, Boiro e A Pobra do Caramiñal. Mentres, nos municipios polos que discorre a ruta de Fisterra e a fin do camiño xacobeo destacan o propio remate, Fisterra, con 185 vivendas turísticas en Fisterra que supón 4,91% do total do concello e mais as 100 de Muxía.

Xa fóra da costa atlántica, sobresaen pola súa presenza de vivendas turísticas as comarcas da Mariña, cos concellos de Viveiro, Foz, Barreiros e Ribadeo suman un total de 704 vivendas turísticas ofertadas. A porcentaxe máis alta sobre o total corresponde a Barreiros, onde ascende a 3,57% con 169 aloxamentos.

No interior, o número máis elevado de estabelecementos localízase nas urbes. Lonxe de Compostela ou Vigo, Ourense concentrou 197 ofertas e Lugo 168. A maiores, en Sarria e Melide, dous dos concellos polos que discorre a ruta xacobea máis transitada, anunciáronse 86 e 73 vivendas respectivamente. 
 

Comentarios