O Popular-Pastor procura osíxeno no BCE

A entidade que ten o 20% da cota de mercado financeiro en Galiza atravesa unha situación complicada cun futuro que pasa ou pola venda ou pola ampliación de capital.

banco popular
photo_camera banco popular

A ponte de mando do Banco Popular manterá esta terza feira, 6 de xuño, unha xuntanza en Frankfurt co Banco Central Europeo (BCE), unha cita que os mercados seguen con interese polo que poida supoñer para unha entidade que só nas súas tres últimas sesións perdeu a metade do seu valor. Analistas cifran o seu valor en bolsa en menos de 1.500 millóns de euros. Hai un ano, no proceso de ampliación de capital, a entidade recadara por volta de 2.500 millóns de euros.

O futuro semella pasar por unha nova ampliación de capital, que sería a terceira en cinco anos, ou ben pola súa venda. Bankia, Santander e BBVA amosaron algún interese en dar o paso, se ben este último semella que xa non está polo labor. O Popular é o sexto banco no Estado español e na Galiza ten un peso importante, por mor da compra que fixo no seu día do Banco Pastor. Posúe o 20% do mercado galego, o que o sitúa como o segundo en importancia, tras Abanca.

Algúns analistas apontan a posibilidade de que o Popular pida ao supervisor europeo unha axuda en forma de liquidez, a ELA (Asistencia de liquidez de emerxencia) popularizada durante a crise da banca grega do verán de 2015. Algo que moitos non ven probábel polo carácter extremo da mesma e as alertas que dispararía no sector.

Comentarios