Pontón advoga por un "grande acordo de país" que free a eucaliptización da Galiza

No Día Internacional do Meio Ambiente, a líder do BNG apresentou á imprensa unha batería de medidas para lle dar un xiro de 180 graos á política forestal da Xunta. As chaves, pór couto á invasión do eucalipto, paralizar a reforestación de terras agrarias e favorecer a agrupación da propiedade.

ANAPONTON RPLUNS5XUÑO17 2
photo_camera Ana Pontón, durante a comparecencia de imprensa

Un grande acordo de país para defender un monte galego "vivo e con futuro". Esta é a proposta que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apresentou esta segunda feira en conferencia de imprensa como alternativa perante o que cualificou como "fracasada" política da Xunta nesta materia.

Face o monocultivo do eucalipto ao servizo de ENCE, o modelo promovido polo PP desde a Xunta, o BNG advoga por unha ordenación do territorio que pase por delimitar con clareza as terras agrarias e as forestais (con probibición expresa da forestación da superficie agraria útil), ben como defende potenciar o cultivo de madeiras nobres e o impulso da gandaría intensiva e a silvicultura.

A respeito da eucaliptización, o BNG propón medidas concretas: paralizar as plantacións dos eucaliptos nitens e ao tempo "conxelar a extensión do eucaliptus globulus". A alternativa á invasión desta especie é a aposta, vía incentivos fiscais, na repobación do monte con especies autóctonas do país, defendeu Pontón.

O PP, denunciou Pontón, ten unha dupla vara de medir. Na Galiza, impón o monocultivo do eucalipto para "satisfacer as necesidades" dunha empresa tan contaminante como ENCE. No resto do Estado, en troca, si que pon en práctica a repobación dos montes con especies autóctonas.

Comentarios