Co Pont-Up Store

Pontevedra converterase no epicentro do emprendemento do 22 ao 24 de setembro

A cidade do Lérez acollerá a finais de mes o Pont-Up Store, que recala en Pontevedra por terceiro ano consecutivo para facer da urbe “unha referencia a nivel global”.

img_8596

A programación da terceira edición do Pont-Up Store foi presentada esta mañá no Concello de Pontevedra para difundir as máis de 30 actividades encamiñadas a desenvolver a cultura do emprendemento. Nesta ocasión, contará cunha ampla presenza de empresas de base tecnoloxía, o que implicará transformar a urbe “nunha cidade innovadora capaz de acoller os emprendementos máis punteiros da Galiza, e por que non, do Estado”, en palabras de Pedro Figueroa, o director do encontro.

O Pont-Up Store encetará a súa andaina de 2016 o día 22, xornada en que terán lugar conferencias e encontros en distintos espazos de Pontevedra. Aliás, o 23 e o 24, amais de darse a coñecer os 33 proxectos emprendedores que ocuparán as casetas, o público poderá tomar parte nas actividades de dinamización propostas polas persoas emprendedoras. A organización explica que os 33 proxectos elixidos contan con menos de 42 meses desde a súa creación e foron seleccionados seguindo criterios de valoración sobre o grao de creatividade, innovación, potencial de crecemento e impacto económico e social.

Actividades

As actividades acollerán desde música á obradoiros de elaboración de cervexa, de introdución na arqueoloxía, de impresión 3D e gravado láser e de loxas virtuais, entre outros; maratóns creativos; demostracións de robótica; sesións prácticas de pedagoxía Montessori; presentacións de discos e revistas...

Corbacho: "O Pont-Up Store consegue facer funcionar ese binomio universidade-empresa e grazas o apoio das institucións converteuse nun encontro moi demandado"

O vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, fixo fincapé durante a presentación das xornadas na grande aposta da Universidade de Vigo neste encontro, unha idea promovida desde o Campus Crea de Pontevedra que “naceu co obxectivo de levar á rúa o que se fai na Universidade e de crear alianzas entre o mundo académico e o tecido empresarial”. “O Pont-Up Store consegue facer funcionar ese binomio universidade-empresa e grazas o apoio das institucións converteuse nun encontro moi demandado por novos emprendementos”, engadiu.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou a grande aposta desta edición, o “speed dating” Puntazo Exprés, que nace a partir da experiencia do programa "Pontevedra ten un puntazo" e de cuxa rede forman parte xa 70 empresas. Esta modalidade de participación ofrecerá a dez novos emprendementos a oportunidade de presentar a súa idea de negocio en breves encontros cos responsábeis de cinco importantes grandes empresas e marcas galegas de diferentes sectores e terá aberto o seu prazo de candidaturas até o 15 de setembro.

Guliás: "O Concello quere“trasladar á rúa este proxecto para que todo o mundo poida coñecer de primeira man unha iniciativa capaz de xerar emprego"

Gulías salientou que o Concello quere “trasladar á rúa este proxecto para que todo o mundo poida coñecer de primeira man unha iniciativa capaz de xerar emprego e coa que se proba a capacidade que temos na Galiza de superar circunstancias económicas adversas botando man da creatividade, e co apoio de lanzadeiras como esta que deben poñerse en marcha desde as institucións”.

Comentarios