A central térmica das Pontes recupera a actividade na segunda feira

Após acumular carbón nos últimos días e entre queixas das e dos traballadores por prexudicalos, a central térmica das Pontes volve á actividade a vindeira segunda feira.
Traballadores protestas diante da planta térmica. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadores protestas diante da planta térmica. (Foto: Nós Diario)

Fontes próximas á compañía enerxética Endesa, que xestiona a central térmica das Pontes, confirmaron hoxe que a segunda feira recuperará a actividade, no medio dun aumento xeral dos prezos da electricidade e máis de dous anos despois de rematar as operacións na central.

Porén, desde o 1 de xullo Endesa xa conta cun dos catro ciclos operativos, ao estar en situación de dispoñibilidade para o sistema eléctrico, pendente de activarse cando o requirira o xestor da rede -Red Eléctrica-.

A pesar da volta á actividade, as e os traballadores denuncian a "total improvisación e indiferenza", da que eles saen prexudicados, ao executarse múltiples traslados "innecesarios, cando non susceptíbeis de ser irregulares", que provocaron "situacións dramáticas en familias da comarca", apunta o comité de empresa da central.

O feche da actividade tamén afectou o sector do transporte, no que até 10 empresas fecharon neste período, incide o presidente dos transportistas de carbón, Cholo Bouza, un número de sociedades e traballos que non se recupera co retorno do carbón.

Por mor da planificación semanal da produción, fontes da compañía sinalaron a medios estatais que a planta estará activa cando menos até a vindeira sexta feira, e destacan o carácter extraordinario da medida, para a que se viñeron preparando nas últimas semanas.

O 28 de outubro, o porto exterior de Ferrol recibiu un buque procedente dos Estados Unidos con 20.000 toneladas de carbón. O 14 de novembro, chegou un novo barco con 80.000 toneladas máis. O mineral comezou a ser transportado a pasada terza feira desde Caneliñas ao parque de carbóns de Saa, da central térmica.

Xunta as 40.000 toneladas almacenadas no recinto previamente, Endesa disporá de 140.000 toneladas para garantir a subministración durante os picos de produción.

Suba da electricidade

A decisión de Endesa chega após a importante alza no mercado da electricidade, que hoxe se sitúa nos 218 euros por MWh, o terceiro día consecutivo por riba dos 200 euros. En novembro de 2020, o prezo medio foi de 42 euros por MWh.

As e os expertos explican a suba do valor no tipo de mercado marxinalista propiciado pola Unión Europea, que permite á enerxía máis cara fixar o prezo.

Comentarios