As Pontes ocupa as rúas de Madrid para pedir a continuidade da central térmica

Máis de 2.000 persoas manifestáronse esta cuarta feira diante do Congreso, onde a comisión de traballo mantivo reunións cos grupos parlamentarios.

[Imaxe: Cedida] Manifestación en defensa da central térmica das Pontes diante do Congreso en Madrid
photo_camera [Imaxe: Cedida] Manifestación en defensa da central térmica das Pontes diante do Congreso en Madrid

A manifestación convocada polo comité de crise que está a levar a iniciativa contra o peche da central das Pontes reuniu en Madrid a máis de 2.000 persoas esta cuarta feira pola tarde. Transportistas, veciñas e veciños, traballadoras e traballadores, alcaldesas e alcaldes dos municipios afectados, sindicatos, representantes políticos e unha presenza importante doutras localidades con centrais térmicas, como os de Carboneras (Almería), Cubillos del Sil (León) e Andorra (Teruel), fixeron sentir a súa voz.

Solucións na mesa

Entre as persoas presentes ás portas do Congreso estaba Marcos Prieto, Vicepresidente Comité de Empresa, un dos técnicos que agora mesmo está a traballar no laboratorio coas probas para ter unha alternativa para a central. “Comezaron en Almería e para a semana comezaremos nas Pontes”, explica a Sermos Galiza, “estamos a falar de queima de residuos que crearía, ao mesmo tempo un ben social para Galiza”.

Prieto sinala que hai posibilidades. “Trátase de ver como levar á térmica os residuos que se están a xerar e poñelos en valor”, apunta, “non pretendemos meternos no mercado de biomasa, a idea é substituír os combustíbeis a medida que non teñan unha saída económica”.

Reunións cos grupos do Congreso

O grupo de traballo que convocou esta xornada de folga e manifestación mantivo reunións no Congreso con representantes de varios grupos parlamentarios para expoñerlles a grave situación que está a vivir As Pontes e a súa contorna polo anuncio do peche da central.

Antonio Alonso, tenente alcalde das Pontes, comenta a Sermos Galiza desde as portas do Congreso que agarda algo positivo desas reunións de traballo. “Polo menos que se nos escoite”. Alonso cre que hai que “poñer o foco no noso problema e exixir sentarnos a falar todas as administracións para artellar unha solución a curto e medio prazo”.

Eliseo Barro, un dos transportistas que se trasladou a Madrid desde Galiza, afirma a Sermos Galiza que das reunións quere “que saian boas novas, que se comprometan a seguir coas probas que se están a facer e que dean as voltas que teñan que dar para que sexa viábel a central”.

Preocupación no transporte

Eliseo Barro lamenta a situación actual e relata a Sermos Galiza o que están a vivir desde o transporte que traballaba para a central das Pontes. “Levamos seis meses parados”. Explica que “o camión perde valor e non podemos aguantar máis”. Conta que mesmo a esta manifestación “hai xente que non trouxo o camión polo gasto que lle supón” e mesmo que “hai quen xa o entregou ao concesionario que llo financiou sen pedir nada a cambio para que o merque quen o acabe de pagar”.

As súas peticións son directas cara ao Goberno español. “Pedímoslle que se poña a traballar aínda que estea en funcións posto que nos estamos a arruinar” até o punto de que “hai quen puxo como aval para mercar o camión a súa propia vivenda polo que mesmo pode quedar sen casa”.

Apoio político

Na mobilización en Madrid participaron alcaldes da comarca, como o propio rexidor das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Por parte do PP estivo en Madrid o seu secretario xeral Miguel Tellado e por parte do PSOE o candidato ao Congreso Pablo Arangüena.

O BNG estivo representado pola deputada no Parlamento galego Noa Presas e polo cabeza de lista ao Congreso da formación nacionalista pola Coruña, Néstor Rego. Por Galicia en Común participaron a deputada Yolanda Díaz acompañada de Antón Gómez Reino.


 

Comentarios