FOLGA 16-O

As Pontes, decidida a chegar até o final

Unidade total cara á folga que prevé paralizar este municipio o 16 de outubro e exixir a continuidade de Endesa para manter o futuro da comarca. Falamos con representantes dos traballadores e traballadoras da central, do Concello ou dos comercios e hostelaría local.

[Imaxe: Lia Paz-EP ] Central de Endesa nas Pontes
photo_camera [Imaxe: Lia Paz-EP ] Central de Endesa nas Pontes

As Pontes entra nuns días cruciais. Neste municipio da comarca do Eume levan meses de reunións e xuntanzas a través do comité de crise no que están representados todos os grupos políticos da corporación municipal, a asociación de empresarios, a asociación de comerciantes, o comité de empresa de Endesa, CIG, CCOO e UXT e a Asociación de transportistas do carbón. Esta cuarta feira 16 de outubro paralizarán o municipio e manifestaranse pola tarde en Madrid, diante do Congreso. Vai ser unha mostra de forza que visibilizará un problema que vai máis alá do conflito laboral e implica toda unha sociedade.

“A folga vai a estar secundada de xeito maioritario, desde os polígonos até no comercio" Alberto Amado (Comité de empresa)

Ninguén quere pensar no que sería das Pontes sen a súa central térmica. “A situación se fecha é catastrófica, tanto no eido social como económico, como patrimonial”, afirma a Sermos Galiza José Castro, presidente dos Empresarios e Empresarias das Pontes (Seara), “é unha situación que non se agardaba e os colleu a todos e todas co paso cambiado”.

Para José Rodríguez, presidente da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO) o feche da central afectaría a todas e todos. “É unha cadea, posto que primeiro serían as camioneiras e camioneiros, das Pontes e doutros concellos, logo virían as gasolineiras, os talleres, os comercios, os restaurantes, as empresas de seguros...”.

 “A situación se fecha é catastrófica, tanto no eido social como económico" José Castro (Asociación Empresarios)

Folga masiva

A convocatoria de folga foi apoiada por unanimidade desde o inicio como explica a Sermos Galiza Alberte Amado, do Comité de empresa das Pontes. “A folga vai a estar secundada de xeito maioritario, desde os polígonos até no comercio, tamén nas empresas do concello”. O responsábel sindical afirma que tamén vai a haber unha participación importante en Madrid. “Estanse a cumprir as expectativas”. Confirma esta idea José Rodríguez cando asegura quepara o día da folga contamos con que peche todo, mesmo as grandes empresas deron o día libre ao seu cadro de persoal para que poidan apoia a folga” e engade “os colexios tamén comunicaron que haberá servizos mínimos”.

Afeitos a loitar

As Pontes xa pasou por situacións moi complicadas relacionadas coa súa dependencia de Endesa. José Rodríguez lembra a Sermos Galiza que “daquela buscamos solucións e saímos para adiante e agora será o mesmo, eu son bastante positivo nese caso”. Para Rodríguez, os investimentos que se fixeron nestes anos teñen que aproveitarse. Temos unhas mellores comunicacións, mellores infraestruturas, hai gas, hai electricidade,... Calquera outra industria que queira vir ás Pontes teno moito máis doado que hai dez anos”.

As Pontes xa pasou por situacións complicadas relacionadas coa súa dependencia de Endesa

Unanimidade hai tamén na petición dunha transición máis lenta e axustada aos propios tempos para adaptarse. Desde o propio Goberno municipal Ana María Pena, concelleira de Industria e Emprego das Pontes, indica que o municipio merece “unha transición máis xusta”. Da mesma opinión é José Rodríguez, que afirma que “ten que haber unha transición con tempo como está a facer Alemaña, a 15 anos vista e non a 15 días vista que non ten sentido ningún”.

“Ten que haber unha transición con tempo como está a facer Alemaña, a 15 anos vista e non a 15 días vista que non ten sentido ningún” Ana Mª Pena, concelleira de Industria e Emprego

Endesa ten que responder

Ninguén é partidario ou partidaria de buscar culpábeis mais hai quen sinala algúns. José Rodríguez, por exemplo, adianta a Sermos Galiza que “do que pasou teñen culpa todos” e “o primeiro Endesa, que se aproveitou das políticas ecolóxicas que están agora de moda”, explica, “está moi ben loitar contra o cambio climático mais hai que mirar para as persoas, por moito ben que lle fagamos ao cambio climático se logo non temos que comer...”. Logo a responsabilidade do Goberno galego. “A Xunta tamén ten parte porque ten que dar un golpe na mesa e dicir que Galiza vai quedar sen industria, non só nas Pontes, en todo o sector, tanto en Vigo como o que vén detrás”.

"Galiza vai quedar sen industria, non só nas Pontes, en todo o sector, tanto en Vigo como o que vén detrás” José Rodríguez (Asociación comercio e hostelaría)

Ana María Pena tamén pensa que Endesa ten que responder. “Hai máis de 40 anos que se implantou primeiro coa explotación mineira e desde hai uns anos, desde o 2005, coa Central Térmica e todos eses beneficios tanto no sector público como no privado teñen que repercutir”, engade a Sermos Galiza. "Non se pode permitir que a parte empresarial prime os seus intereses e peche a porta a un territorio que desde hai anos é dependente da súa actividade”.

José Rodríguez coincide con esta idea. “O que non podemos consentir é que Endesa marche de aquí logo de todo o que gañou nas Pontes e o que As Pontes fixo por Endesa... como o lago, o burato que fixo Endesa, sacou moitas toneladas de carbón e todo iso haberá reinvestilo dalgún xeito”. 

Comentarios