O polo como 'produto reclamo' nalgúns supermercados empobrece os criadores, que só reciben 15 céntimos por quilo

Unións Agrarias denuncia esta práctica nun estabelecemento lugués propiedade dunha cadea valenciana.
Unións Agrarias denuncia o uso do polo nalgúns supermercados como "reclamo" polo baixo prezo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unións Agrarias denuncia o uso do polo nalgúns supermercados como "reclamo" polo baixo prezo. (Foto: Nós Diario)

Representantes do sindicato Unións Agrarias (UUAA) protestaron nesta sexta feira ás portas do supermercado Family Cash situado no centro comercial Abella, en Lugo, para advertir que a cadea valenciana vende polo como "produto reclamo".

Á fronte das protestas estaba o secretario xeral da organización, Roberto García, que acreditou que levan xa un mes "denunciando a situación grave que viven os produtores e criadores de polo", que reciben apenas 15 céntimos por quilo de produto malia o "brutal" incremento de custos nas granxas.

Neste contexto, lamentou, pervive "unha práctica moi empregada no pasado, que era utilizar o polo como produto reclamo para atraer clientes e forzar a venda a perdas".

"Cando pensabamos que esta práctica estaba erradicada, unha nova cadea que empeza a apertura de instalacións en Lugo volve a esas prácticas ilegais de utilizar o polo como produto reclamo", condenou García.

Esta práctica supón unha vulneración da Lei de Cadea Alimentaria, precisan desde UUAA

Con esta acción, o sindicato pretende "pór de manifesto que se está a incumprir a Lei de Cadea Alimentaria e están a atacar un sector que xa o está a pasar moi mal".

O dirixente agrario detallou que nesta quinta feira "o produto reclamo estaba noventa céntimos por baixo dos custos de produción, vendéndose o polo a 2,59 euros o quilo".

E nesta mesma sexta, precisou, "por mor da denuncia puxérono a 3,19, ou o que é o mesmo, uns trinta céntimos por baixo do custo de produción". "Prodúcese unha clara venda a perdas. Temos que denunciar que se está a usar un produto como produto engano, incumprindo a lei", cuestionou.

Comentarios