Pensar a Galiza pos covid

Xoán Carmona: “As políticas industriais poden resolver problemas, mais na actualidade non se ve que exista política industrial ningunha”

Xoán Carmona é doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela e ampliou estudos no Max Planck Institut für Geschichte. É catedrático de Historia e Institucións Económicas na USC, e director do Departamento de Historia e Institucións Económicas Investiga sobre historia marítima e industrial, e historia empresarial e patrimonio industrial, temas sobre os que escribiu varios libros de obrigada referencia. Nesta conversa, axúdanos a entender cales son as raíces do presente industrial que nos poden auxiliar a enfrontar o futuro.
27-10-2020 Xoan Carmona-3
photo_camera Xoán Carmona (Foto: Arxina)

Que nos ensina a historia da industria no noso país que poida ser de axuda para enfrontar o futuro?

Ben, o feito que se fale de reindustrialización xa indica que non é a primeira vez que se industrializa o país e que, polo tanto, é conveniente revisar a historia para ver o que se fixo ben e o que se fixo mal. Habería que procurar na historia cales son as nosas fortalezas. Cando no País Vasco, nos anos 90, se propón desenvolver unha política industrial ao redor de posíbeis clusters, o primeiro que fixeron foi encargarlle a un grupo de investigadores da área de Historia Económica da Universidade que pescudaran nos sectores que máis sufriran as crises da década de 1970, para ver que habilidades, que capacidades e, sobre todo, que posibilidades de cooperación existían. Editaron unha serie de libros sobre os diferentes sectores industriais e, sobre esa base, encargaron estudos para proxectarse no futuro. 

É importante, se queremos implementar unha política industrial, coñecer as experiencias que tiveron éxito no pasado e cales foron proxectos frustrados, estudar as capacidades históricas que demostramos. E eu sempre pensei que aquí había que facer algo parecido ao que fixeron en Euskadi, porque moitas veces operamos con tópicos, e non se poden definir estratexias nin políticas industriais se non sabemos os vimbios cos que contamos. Moitas veces eses vimbios son os que dan as estatísticas sobre o presente, mais tamén hai que contar coas capacidades e as relacións que non aparecen nesas estatísticas e que proceden da tradición e da experiencia. As políticas de innovación teñen que partir dun estudo das posibilidades que nos ofrecen as nosas potencialidades. 

Un segundo paso sería revisar experiencias como a Comisión para a Reindustrialización da Galiza que o Parlamento Galego constituíu cara a 1995, ver se as conclusións ás que se chegaron son agora pertinentes, malia os cambios que houbo. Ou mesmo máis atrás: no debate económico da década de 1970 e principios de 1980, economistas como Xan Facal ou Camilo Nogueira xa formulaban moitas cuestións, como a necesidade de integración das cadeas de valor, nas que habería que afondar para ver se perderon vixencia ou se aínda manteñen actualidade. Moitas delas –e xa se falaba daquela da industria do aluminio ou do leite–, malia que pasaron varias décadas, seguen sen resolverse. É preciso falar de dixitalización e de economía circular, si, mais non se deben esquecer problemas que están na base da estrutura económica do país.

O comezo da industrialización en Galiza baseábase en tecnoloxía foránea, como no caso da industria conserveira, que nace grazas ao coñecemento dos bretóns neste campo. Pasou moito tempo e agora existen áreas –como a do mar– nas que a investigación nos permitiría depender menos dese coñecemento externo.

Ese sector sería, desde logo, un dos que habería que potenciar. Efectivamente progresamos moito desde os comezos desa industrialización, pasou moito tempo, pero aínda queda moito que facer. Agora existen institutos de investigación que nos permiten ter un coñecemento moi avanzado, pero na propia cadea de valor das industrias de transformados da pesca hai segmentos nos que podemos mellorar moito a nosa capacidade tecnolóxica. 

O sector alimentario na Galiza, en xeral, é moi agradecido. Nas dúas últimas crises é o sector que mellor é capaz de enfrontar a depresión, con moita diferenza sobre o resto. É o sector máis enraizado na industria galega, que nace precisamente no mar e, por razóns moi diversas, responde moi ben ante situacións críticas. A industria agroalimentaria é unha aposta moi segura. A taxa de supervivencia das empresas neste sector na Galiza é a maior de todas; hai estudos que indican que entre os comezos da crise do petróleo e a crise de 2008 estivo por riba do 50%.

De todas as formas, no que atinxe ao fechamento das cadeas de valor, á tecnoloxía e á innovación, a industria agroalimentaria galega ten moito que andar. Mais precisamente porque queda moito por facer e porque amosa unha gran resiliencia, habería que afondar e apostar con decisión nas súas posibilidades.

Se seguimos mirando cara a nosa historia, temos o exemplo do Banco Pastor, que durante moito tempo foi unha entidade dedicada en exclusiva ao investimento industrial. Sería posíbel, neste contorno de globalización, contar cunha ferramenta financeira propia que permitise reducir a dependencia exterior?

Cando se fala da crise como oportunidade para recentrar a economía eu sospeito que se trata dun mantra dos políticos –uns con máis coñecemento e consciencia que outros– que, en principio, non significa nada. Outra cousa é que, independentemente desas declaracións de principios máis ou menos ben intencionadas, as tendencias globais nos leven por aí. Na medida en que persistan as dificultades económicas derivadas de problemas ecolóxicos –e temos que ter en conta que esta pandemia non é outra cousa que un derivado da globalización ecolóxica– e se desvelen perigos sistémicos si que é posíbel que a actual fase de globalización termine e entremos noutra de recentramento. 

Mais o que estamos vendo é que a crise non está levando a unha descentralización económica nin a unha caída dos procesos de concentración, senón máis ben ao contrario. Os que aumentan son os procesos de concentración empresarial a nivel global, e é moi difícil que empresas cunha envergadura cada vez maior sexan favorábeis a un mundo máis descentralizado. Espero equivocarme, mais non vexo que as cousas vaian por ese camiño. 

No referente á banca, a perda desas entidades de proximidade que servían de apoio ao tecido empresarial local, como o Banco Pastor ou Caixavigo, forma parte dese mesmo proceso de concentración que, nos últimos anos –e moitas veces coa complicidade da Administración– adquiriu unhas dimensións enormes. Creo que a posibilidade de recuperalas dentro deste marco xurídico e político é moi remota. Son moi pouco optimista nese sentido.

Eu lamento o final daquel sistema en que se o que se lles ofrecía as empresas locais era a posibilidade de chamar a un teléfono coñecido para resolver un problema de liquidez ou para enfrontar un novo investimento. Sería de esperar que algunha entidade asumise ese papel, mais non é fácil.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu

Comentarios