sábado 08/08/20
ANÁLISE

Que se pode agardar da Cimeira do G20?

Lembremos que o G20 emerxeu como “Cimeira de Presidentes” no medio da crise mundial capitalista de 2007/08, montada sobre unha estrutura global xestada dende 1999 entre responsábeis da política económica e financeira, a que estaba abocada entón a tratar os problemas do endebedamento económico dalgúns países. Bos Aires acollerá a cimeira do G20 entre 30 de novembro e 1 de decembro.

 

Unha das reunións do G20 na China
Unha das reunións do G20 na China

Esa é a razón primixenia da inclusión dende a orixe dos países latinoamericanos: Arxentina, Brasil e México. Non integran o G20 por seren parte dos países máis grandes pola súa produción ou actividade económica, senón por seren grandes debedores, onte e hoxe.

De todos modos, o G20 como Cimeira Presidencial é o escenario da disputa da hexemonia mundial [a primeira potencia continúa a ser Estados Unidos] que xa non só se cinxe ao G7 (EEUU, Inglaterra, Alemaña, Francia, Italia, Xapón e Canadá) senón que agora tamén se estende aos emerxentes, especialmente a China, que en rigor é a potencia que hoxe concreta a pelexa pola primacía no sistema mundial. Non só dá conta diso a capacidade produtiva, de relacións comerciais e financeiras da China co mundo, senón as alianzas que Beijing desprega.

Esta semana, China e a Unión Europea demandaron ante a OMC a EEUU polas restricións arancelarias á comercialización do aceiro. Ademais, hai que destacar a alianza da China con Rusia e máis aló, con Irán e outras potencias con capacidade de intervención no sistema mundial dende certas e relativas vantaxes na produción petroleira ou nas súas capacidades defensivas/ofensivas do punto de vista militar.

Como podemos observar, os problemas son diversos no sistema mundial contemporáneo, expresados na disputa pola hexemonía, no ámbito económico, político, militar e mesmo cultural. O que está en xogo é quen dirixe os destinos do mundo. É un tema que afecta toda humanidade.

EEUU decretou a guerra comercial a China e o xigante asiático responde á altura da agresión cunha iniciativa visando istalar a súa moeda na disputa global. A mundialización do iuan actúa contra a hexemonía do dólar no sistema monetario. O despregamento militar da China e os seus aliados contén as agresións imperialistas en diversos territorios ameazados dende Washington, sexan Siria, Venezuela ou calquera punto de interese estratéxico para EEUU.

A mundialización do iuan actúa contra a hexemonía do dólar no sistema monetario

Coa cimeira bonaerense do G20 en poucos días, dificilmente pode avanzarse en “resolver” estas contradicións do sistema mundial, e mesmo, está en dúbida calquera acordo global que supoña algunha declaración pública máis aló dos parámetros da linguaxe profesional e anódina da diplomacia internacional.

Contra Cimeira dos NON e dos SI

Sen prexuízo das tensións no poder mundial e a estratexia do goberno Macri, destacará a diversa presenza crítica durante a semana de acción contra o G20 e o FMI entre o 25 de novembro e o 1 de decembro; onde sobresaen as actividades das diferentes redes de movementos sociais, a Cimeira dos Pobos co seu fechamento formato “festival” nas portas do Congreso de Arxentina e a mobilización popular do 30 de decembro.

A contramán do secretismo oficioso no G20, o movemento popular coincide nas consignas críticas ao G20 e ao FMI polo que representan as súas estratexias para o conxunto da sociedade popular, é dicir, todo aquilo que está máis aló do 1%, ou sendo xeneroso, do 20% de maiores ingresos, os que concentran o principal na apropiación do produto social do traballo.

Sen asistencia financeira non pode sosterse a estratexia macrista para o funcionamento do capitalismo local, que favorece a fuga de capitais da clase dominante.

A articulación diversa na mobilización arxentina ou noutras cidades do mundo expresan o NON a unha axenda que só favorece as grandes empresas transnacionais e que se evidencia nas demandas de reformas das pensións, da seguranza social e laborais. O central da axenda dos monopolios e do poder mundial apunta á quita de dereitos de traballadoras e traballadores para favorecer e recuperar capacidade de produción de ganancias e a súa acumulación para a maior dominación no ámbito global.

O NON segue constituíndo o centro da articulación popular, aínda que no camiño aparecen algúns SI que precisan estenderse para se transformar en programa xeneralizado do imaxinario para unha sociedade alternativa á orde capitalista.

Destaca nese plano dos SI a loita pola soberanía alimentaria, esencial en calquera proxecto emancipador que se propoña un proxecto alternativo. O primeiro desafío de calquera intento de liberación nacional e social debe resolver a condición de posibilidade para alimentar a poboación. Só dende alí pode sustentarse a longo prazo un proceso liberador.

No mesmo camiño actúa a soberanía enerxética, xa que os hidrocarburos constitúen dende hai máis dun século o principal insumo da produción contemporánea. A dominación do petróleo, o gas, a enerxía é a base do conflito territorial hexemónico que hoxe despregan as potencias dominantes do sistema mundial.

Por iso é fundamental recuperar o sentido da produción e o consumo enerxético para un proceso de independencia e liberación nacional e social.

A soberanía financeira constitúe un terceiro elo na construción dos SI dos pobos. Superar a dependencia financeira e a lóxica subordinada que supón a integración ao sistema financeiro mundial cos organismos internacionais á cabeza do mesmo. O FMI e o Banco Mundial son parte dirixente dunha lóxica financeira e especulativa internacional que sustenta a dominación monopolista e transnacional no noso tempo.

A dominación do petróleo, o gas, a enerxía é a base do conflito territorial hexemónico que hoxe despregan as potencias dominantes do sistema mundial

Todo o dito supón ao mesmo tempo a loita polos dereitos á educación ou a saúde entre moitos, xa que a educación pública e de balde pode sustentar o alento á formación técnico profesional para a independencia tecno-científica para sustentar novos e alternativos modelos produtivos e de desenvolvemento. Nin falar da saúde pública gratuíta que asegure o gozo da maior expectativa de vida da poboación contemporánea, a contramán das tendencias privatizadoras subordinadas á lóxica da ganancia.

É fundamental recuperar o sentido da produción e o consumo enerxético para un proceso de independencia e liberación nacional e social.

Isto é o que se debate no G20 de Bos Aires entre o 30 de novembro e o 1 de decmebro, cunha axenda do poder atravesada polas tensións na disputa do poder mundial, o que se conxuga coa dinámica popular en confrontación contra o poder, máis aló das súas propias internas. A articulación popular, aínda con proxectos políticos ideolóxicos e culturais diferenciados, é a base para pasar dos NON compartidos aos SI en construción e a aprofundalos como resultado da experiencia de organización e loita do movemento popular.

Co programa despregado nos días previos á Cimeira presidencial e no seu desenvolvemento xóganse dúas estratexias.

Unha resulta do poder mundial, incerta e con variadas tensións. A outra xógase no campo das organizacións populares, confluíndo nos NON ao G20 e ao FMI, á axenda de liberalización, á dependencia, etc.

A cuestión de fondo na axenda dos de abaixo pasa polos SI sinalados e loxicamente polo ensaio dunha mellor resposta táctica e estratéxica para o obxectivo de transformación social máis aló e en contra do capitalismo.

comentarios