O pleno do Parlamento aproba instar ao Estado a ampliar axudas aos autónomos

A moción, presentada polo BNG, inclúe varias medidas. Entre elas, aprazar os pagos do IRPF e do IVE do cuarto trimestre de 2020 ou un IVE de 4% para a hostalaría e o turismo.
O feche da hostalaría e a prohibición de xuntarse con non conviventes afecta a 60 concellos e perto de 60% da poboación galega. Arxina
photo_camera O feche da hostalaría e a prohibición de xuntarse con non conviventes afecta a 60 concellos e perto de 60% da poboación galega. (Foto: Arxina)

O pleno do Parlamento da Galiza aprobou hoxe unha moción do Bloque Nacionalista Galego en relación ao impacto da Covid-19 nos empresarios autónomos. Os nacionalistas propuxeron que a Xunta solicite do Goberno do Estado varias medidas.

En concreto, piden aprazar os pagamentos do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e mais do Imposto de Valor Engadido (IVE) do cuarto trimestre de 2020 e até doce meses. Tamén, ampliar o prazo dos pagamentos fraccionados do imposto de sociedades.

A Xunta proporá que se aplique un IVE reducido de 4% para o sector da hostalaría e mais o do turismo.

Así mesmo, solicitará estabelecer condonacións especiais no pagamento das cotas empresariais á Seguridade Social correspondentes ao tempo de fechamento e de redución drástica da actividade para aqueles autónomos gravemente afectados polas medidas adoptadas no marco das restricións sanitarias.

Por último, os partidos políticos acordaron instar a Xunta a reclamar ao Estado que impulse as actuacións necesarias para prorrogar un ano o período de amortización e carencia dos préstamos do Instituto de Crédito Oficial (ICO). 

Axudas a autónomos

A pasada semana, a Xunta da Galiza abriu unha liña de axudas destinadas a traballadores autónomos da Galiza con ou sen persoal ao seu cargo.

Un dos apoios está dirixido a autónomos, outro a microempresas e autónomos con persoal a cargo e un terceiro aos estabelecementos hostaleiros situados en municipios con maior incidencia epidemiolóxica e que se visen afectados polo fechamento da actividade. A hostalaría respondeu cun plan que permita a súa reapertura. 

Comentarios