As plataformas terán que notificar os pisos turísticos

A partir do 26 de xuño empresas como Airbnb e Vrbo terán que informar de maneira detallada a Facenda. 
Compostela é a cidade galega máis solicitada nas plataformas (Arxina).
photo_camera Compostela é a cidade galega máis solicitada nas plataformas (Foto: Arxina).

As plataformas de intermediación de apartamentos turísticos como Airbnb ou Vrbo terán que informar ao Ministerio de Facenda sobre todas as vivendas ou habitacións que poñan en alugueiro. Esta medida, publicada onte no Boletín Oficial do Estado (BOE), entrará en vigor o vindeiro 26 de xuño e a súa presentación será trimestral.

O rexistro en febreiro de aloxamentos turísticos publicado pola Xunta da Galiza elevaba até 12.303 o número de pisos que xa se atopan habilitados para este fin. 

O Goberno español aproveitou a aprobación do Real Decreto que regula a presentación da declaración da coñecida como 'Taxa Tobin' para introducir unha Disposición Final que restaura esta obrigación formal anulada hai apenas uns meses polo Tribunal Supremo, a pedimento da organización empresarial Adigital, por un defecto de forma no seu trámite. 

Información para previr o fraude fiscal

A nova obriga de información, estabelécese "con fins de prevención da fraude fiscal para as persoas ou entidades, en particular, as denominadas 'plataformas colaborativas', que intermedien na cesión de uso de vivendas con fins turísticos", segundo o texto.

Desta maneira deberán presentar o novo modelo 179 as persoas e entidades que presten o servizo de intermediación entre os  cedentes e cesionarios do uso de vivendas con fins turísticos, xa sexa a título oneroso ou gratuíto.

A norma aprobada polo Goberno español obriga ás plataformas a proporcionar á Administración Tributaria información detallada sobre a identidade do titular do inmóbel posto en uso a través dos seus servizos, a referencia catastral da vivenda en alugueiro, das persoas que arrendaron os inmóbeis e do tempo durante o cal gozaron da mesma e do importe recibido polo titular da vivenda cedida, o que proporcionará a Facenda unha información completa das operacións tramitadas a través destas plataformas e dos ingresos recibidos polos titulares. 

A implantación orixinal desta obriga formal estivo envolta en polémica. O pasado 27 de xullo de 2020 o Tribunal Supremo anulara o artigo que regulaba a obriga de informar a Facenda en aplicación dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sobre Airbnb Irlanda

Comentarios