A Plataforma en Defensa do Transporte anuncia un novo paro indefinido a partir da próxima semana

Manuel Hernández, presidente da plataforma, deu a coñecer esta segunda feira o resultado da votación que levaron a cabo esta fin de semana nas súas delegacións sobre a continuación do paro.
Varios camións agardando nunha central loxística de transporte (Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera Varios camións agardando nunha central loxística de transporte (Alberto Ortega / Europa Press).

A Plataforma en Defensa do Transporte, a agrupación de autónomos e pequenas empresas de transportistas de ámbito estatal que convocou o paro do pasado mes de marzo, anunciou un novo paro indefinido a partir da medianoite deste domingo.

Manuel Hernández, presidente da plataforma, deu a coñecer esta segunda feira o resultado da votación que levaron a cabo esta fin de semana nas súas delegacións sobre a continuación do paro.

O pasado sábado, os seus delegados provinciais mantiveron unha reunión na cal analizaron a situación actual do sector, tras as medidas aprobadas polo Goberno estatal en consenso coas organizacións maioritarias de transportistas, que compoñen o Comité Nacional do Transporte por Estrada (CNTC).

A nova lei

Entre estas medidas, destaca a nova lei para evitar que os transportistas traballen a perdas ou un novo paquete de 450 millóns de axudas directas, que se suman ás xa aprobadas en 2021 e en abril de 2022 como o desconto de 20 céntimos, a prohibición de que os condutores fagan a carga e descarga; a limitación a unha hora dos tempos de espera nas zonas de carga e descarga, o reforzo da inspección de transporte ou as axudas ao abandono da profesión.

Con todo, a Plataforma seguiu denunciando o "incumprimento" por parte dos cargadores (os clientes dos transportistas) da lei que prohibe traballar a perdas no sector, e culpa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de desautorizar a Garda Civil a controlar e denunciar este incumprimento.

Por iso, os delegados decidiron o sábado pasado renovar os paros, unha decisión que esta fin de semana se votou e que foi referendada polos membros da Plataforma.

"A Administración debe reaccionar rápido e afrontar o que está por vir", sinalou Hernández en rolda de prensa ao tempo que puxo o acento en que os autónomos que integran o sector non teñen capacidade nestes momentos para afrontar o incremento de custos, que son "30% superiores".

"Estamos a pagar 40% menos de salario aos nosos condutores, facendo seguros que cubran o mínimo imprescindíbel por non poder custear os importes que nos exixen", denunciou.

Comentarios