O plantel de T-Solar pon fin ao feche e leva as súas reivindicacións á rúa

Após 4 meses de feche nas instalacións da empresa e dunha demanda civil por ocupación ilexítima, o plantel de traballadoras e traballadores de T-Solar abandonou a factoría e enceta unha nova etapa nas súas reivindicacións. 

[Imaxe: @XoseSomoza]
photo_camera [Imaxe: @XoseSomoza]

Reclaman o seu dereito ao traballo. Desde hai 4 meses o plantel de traballadoras e traballadores de T-Solar desenvolveu un feche nas instalacións que a empresa de enerxía Isolux ten en Ourense. Após botar á rúa a 170 empregad@s e desmantelar o centro de traballo nen o administrador concursal nen a Xunta de Galiza --acredor maioritario-- deron unha solución.

Neste senso e para manter os seus postos, unha boa parte do persoal decidiu iniciar un protesto permanente na factoría como "única maneira de manter os nosos traballos e evitar o desmantelamento da fábrica", contaba naquela altura Manuel Conde. 

Algún logro e unha demanda xudicial

Con catro meses de peche ás costas e unha demanda civil por ocupación ilexítima das instalacións --interposta pola empresa-- @s traballador@s de T-Solar decidiron dar por rematado o seu estadío na fábrica e iniciar unha nova etapa nas súas accións reivindicativas. 

"Despois da demanda civil e do recurso", conta Manuel Conde, "non estamos dispostos a afrontar outra. Somos parados". Esta é unhas das razóns que motivaron o final do encerramento pois a situación que atravesa o plantel non lles dá marxe de manobra para facer fronte a outra demanda xudicial. Mais non só iso. "Conseguimos algún logro", explica Conde, como foi o mantemento da actividade en gas-farm a través dunha "prórroga do desmantelamento" que non tería sido posíbel de non encetaren o protesto.

Manuel Conde: "As nosas accións pasan da factoría á rúa para presionar a Xunta. Hai que seguir"

Aliás, subliña, están cert@s de que "se están a dar negociacións entre un posíbel comprador e a administración concursal" de T-Solar polo que @s traballadores, din, non queren "ser un obstáculo" para que poidan chegar a bo termo. 

Seguirán na rúa para presionar á Xunta de Galiza

Malia os avanzos e o cesamento do peche, o plantel de T-Solar salienta que non van parar nas súas reivindicacións até recuperaren o seu posto de taballo nunha empresa punteira en enerxías renovábeis. Neste senso, advirten as súas "accións pasan da factoría á rúa" para exercer presión sobre quen é "o acredor maioritario". A Xunta de Galiza. 

Após abandonar as instalacións de Isolux, @s traballador@s xa se concentraron esta mesma quinta feira perante o edificio da Xunta en Ourense. Exixen ao goberno galego "que colla responsabilidades" e procure unha solución para T-Solar. Aliás, asegura Manuel Conde "temos que seguir espallando o noso conflito" e dando a coñecer a súa realidade. Para iso "os ánimos son os que son", teñen, din Manuel Conde "que sacar a enerxía de onde sexa" porque "hai que seguir". 

Comentarios