O Plan para a agricultura ecolóxica galega non convence á Fruga

Considera que está “feito á medida” das grandes empresas e distribuidoras.

repolo, horta, vexetal, agro

O Plan estratéxico da agricultura ecolóxica de Galiza, presentado recentemente, non convence á Federación Rural galega (Fruga). Considera que está “feito á medida” das grandes empresas e distribuidoras e quen debían ser os protagonistas deste plan, “os e as produtoras ecolóxicas galegas”, nin sequera tiveron coñecemento nin participación na elaboración do mesmo.

A agricultura ecolóxica non pode  ir só de millóns de euros de negocio, nin de milleiros de hectáreas: vai de xente, vai de alimentación e vai de saúde

Lamentan que se presente desde Xunta e Consello regulador de agricultura ecolóxica (Craega) a produción ecolóxica “como unha oportunidade de negocio á que é necesario atraer investidores e investidoras”. Nesta liña, Fruga indica que tanto o Consello como a administración autonómica “ téñense gabado nos últimos tempos do grande auxe de sectores como a produción leiteira ecolóxica e a avicultura, dous sectores da produción animal en maos de dúas grandes empresas, como son Bessnier e Coren, entendemos que destinatarios finais das axudas que agora se anuncian”.

A teima en promover e dirixir a comercialización a través das grandes compañías multinacionais da alimentación, e o peso cada vez maior que ten un sector tan “agrario” como é a acuicultura, son outros dous exemplos para a Gruga das intencións da Xunta. O sindicato agrario insiste en que a agricultura ecolóxica debe de entenderse alén dun simple negocio: debe valer “ para fixar poboación no rural, para fomentar unha outra forma de producir e de vivir no rural, para desenvolver unhas outras relacións económicas mais xustas e humanas, para dar dar unha mellor alimentación á nosa poboación.

Comentarios