Cáritas alerta do inzamento de "pisos pateira" e "camas quentes" en Santiago: "Aprovéitanse de persoas vulnerábeis"

Trátase na súa maioría, apuntan desde esta organización, de persoas migrantes en situación administrativa irregular.
Hai menos de 3.000 vivendas en aluguer na actualidade, segundo Fegein. (Foto: Inmovart)
photo_camera A precaria situación destas persoas lévaas a recorrer a solucións habitacionais como os 'pisos pateira'. (Foto: Nós Diario)

Representantes da organización católica Cáritas de Santiago de Compostela advertiron esta cuarta feira da aparición nos territorios que abrangue a diocese das denominadas como "camas quentes" e "pisos pateira" vinculados ao incremento da comunidade estranxeira que se ve obrigada a recorrer a esta modalidade de aloxamento pola precaridade da súa situación, en moitos casos irregular a nivel administrativo.

Esta é a principal conclusión que puxo sobre a mesa Cáritas Diocesana na presentación, esta cuarta feira e na capital galega, da súa memoria anual sobre o pasado 2022, na que participou director diocesano, Anuncio Mouriño, e o arcebispo emérito, Julián Barrio. A organización aclarou que o concepto de "piso pateira" é aquel en o que un individuo ou organización explota as habitacións das que dispón de maneira irregular, mentres as coñecidas popularmente como "camas quentes" son as habitacións que se alugan por horas.

Segundo detallou o director diocesano, estes casos están vinculados ao incremento da comunidade estranxeira na diocese. "Este ano, por primeira vez, os estranxeiros que asistimos superan os españois atendidos por nós", sinalou Mouriño.

Cuestionado sobre o perfil das persoas que recorren a estas precarias solucións habitacionais, Cáritas apuntou que son maioritariamente estranxeiros "sen documentación" os que usan esta modalidade de albergue e que outras persoas na cidade "aprovéitanse diso".

"Ao final, cando a Administración pública non os pode asistir, queda Cáritas para dar respostas", defendeu Mouriño, que lembrou que a entidade eclesiástica conta con 15 pisos na diocese de Santiago que ofrece a persoas en situación de vulnerabilidade.

Refuxiados

Por outra parte, o director diocesano puntualizou que desde Cáritas están a acoller actualmente un total de 42 persoas que fuxiron da guerra en Ucraína no Centro Europeo de peregrinación Xoán Paulo II, situado no Monte do Gozo.

"O que era un centro de peregrinos, hoxe esta ocupado por 42 persoas, das cales catro son maiores e o resto mulleres con nenos pequenos, aos que escolarizamos", salientou Anuncio Mouriño.

Comentarios