Piden un maior aumento das pensións do réxime agrario

A Federación Rural Galega (Fruga) demanda ao Goberno español aumentar as pensións no rural polo seu peculiar réxime.
Imaxe dun home coas súas vacas no rural galego. (Foto: Cedida)
photo_camera Imaxe dun home coas súas vacas no rural galego. (Foto: Cedida)

O anuncio do Goberno español de aumentar de maneira lineal as pensións de xubilación en función do Índice de Prezos ao Consumidor (IPC) foi criticado esta pasada cuarta feira pola Federación Rural Galega (Fruga) por non ter en conta as peculiaridades do réxime agrario.

Segundo esta organización, a suba, que suporía un aumento de 0,9%, non contempla as diferenzas entre as pensións mínimas e as máis altas, polo que as de máis contía son as que van recibir un importe máis elevado, pola contra as pensións mínimas son as que van notar menos este aumento.

"Unha persoa xubilada do réxime agrario terá unha suba mínima de entre 5,89 e 6,14 euros, fronte a outras xubiladas e xubilados que poden chegar a percibir aumentos de 20 euros", sinalan nun comunicado.

Cobrar 400 euros menos que a media estatal

Desde Fruga lembran que a maior parte dos xubiladas e xubilados do medio rural galego "perciben pensións mínimas, como consecuencia de cotizar ao longo da súa vida ao réxime especial agrario, algo que se traduce en que as súas pensións fican por baixo do salario mínimo interprofesional".

Aseguran que unha das demandas principais "pasaba por obter unhas pensións mínimas equiparábeis ao salario mínimo interprofesional, que a día de hoxe é de 950 euros ao mes". Desta maneira poderían atallar o crecente aumento do custo dos servizos sociais.

En Fruga agardan que se rectifique e que en 2021 as e os pensionistas do rural galego "poidan gozar dunha pensión mínima que lles permita vivir dignamente".

Na actualidade as persoas perceptoras do réxime especial agrario na Galiza cobran 200 euros de media menos que o resto dos pensionistas galegos, 400 euros menos que a media do Estado español.

Comentarios