venres 18/09/20

Piden ás directivas baixar os seus salarios

Inditex, única firma galega na que os directivos renunciaron ao 'bonus'
Pablo Isla e Flora Pérez na última xunta de accionistas de Inditex. (Europa Press).
Pablo Isla e Flora Pérez na última xunta de accionistas de Inditex. (Europa Press).

Nos tempos de coronavirus ás empresas tócalles axustar ben o cinto para facer fronte ao impacto económico que a expansión da pandemia vai ter nas súas contas de resultados. Moitas das firmas galegas están a presentar Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE). Onte o número de traballadoras afectadas xa rondaba as 125.000. De feito, son as empregadas destas grandes compañías as que están a pagar directamente as consecuencias do parón económico.

Ante esta situación, son moitas as voces que reclaman un xesto por parte das equipas directivas das empresas cotizadas, e as galegas non son unha excepción. A cuestión é que, de momento, só Inditex decidiu facer un xesto ante a "excepcional situación provocada pola pandemia mundial da COVID-19". Pablo Isla, presidente do grupo téxtil fundado por Amancio Ortega, e Carlos Crespo, o seu conselleiro delegado, decidiron recortar 50% a súa retribución variábel. Non son cifras menores, xa que Pablo Isla ingresou o pasado exercicio 5,5 millóns de euros entre fixo e variábel, mentres que a parte variábel de Carlos Crespo superou os 400.000 euros. 

Inditex fixo extensiva esta medida á alta dirección, que viu como os seus bonos quedaban á metade. En 2019, as remuneracións das 21 integrantes da alta dirección do grupo repartíronse  30,8 millóns de euros en salarios, cando o ano anterior abooulles por ese concepto 44,9 millóns.

Sen dividendo

Outra das medidas que reclamaban tanto bancos como investidores ás grandes empresas era a supresión do dividendo, de tal xeito que poidan aproveitar eses cartos para refinanciar pasivos ou, no caso de Inditex, provisionalos para facer fronte ao impacto do coronavirus

No resto de cotizadas galegas as medidas a adoptar están sendo moi diversas. No caso da coruñesa Commcenter, provedora de servizos de Movistar, a solución á difícil situación pola que atravesa materializouse nun ERTE que afecta a 350 traballadoras. O mesmo fixo Adolfo Domínguez, aínda que en dous tempos, primeiro aplicando un ERTE ao seu persoal de tendas no Estado español e, posteriormente, ao dos servizos centrais. En ningún destes casos, ao igual que sucede en firmas como Altia, na que o ex presidente do Deportivo da Coruña, Tino Fernández, controla máis de 80% do capital, Netex ou IFFE Futura, os seus directivos fixeron movemento ningún para reducir os seus emolumentos ou suprimir o reparto de dividendos, no caso de que os haxa. 

En Greenalia, o teletraballo é a fórmula elixida pola empresa para continuar coa actividade nos seus servizos centrais. Como apuntan desde a compañía, todas as súas liñas de negocio están activas. O seu presidente, Manuel García tamén destaca que ao formar parte do sector enerxético, considerado "estratéxico", afrontan a crise desde unha "boa posición" que lles permita manter os seus niveis de produción. 

PharmaMar e a vacina

Outra das cotizadas galegas na que non parou a actividade, senón todo o contrario, é PharmaMar, que segue a traballar na procura dun tratamento que poña fin á expansión do coronavirus. E a construtora San José, con Jacinto Rey á fronte, viu como o Concello de Madrid lle daba luz verde ao seu proxecto Madrid Nuevo Norte, onde a firma galega prevé levantar vivendas e oficinas da man de BBVA. O de baixar salarios déixano para outro momento.

comentarios