Piden ao presidente galego que asuma a súa responsabilidade na grave crise do naval galego

BNG solicitou a convocatoria urxente da deputación permanente do Parlamento para tratar a situación deste sector. Traballadores do sector de Ferrol volven á rúa a exixir solucións
O naval, de novo nas rúas
photo_camera O naval, de novo nas rúas

O sector do naval representa o 5,7% do PIB da Galiza, emprega milleiros de persoas e en comarcas como a de Vigo e Ferrol son un alicerce fulcral das súas economías. Mais este sector está actualmente atravesando unha grave crise, en que a falla de solución ao problema do tax-lease, as promesas incumpridas até o de agora do goberno galego da chegada de encargos da man da multinacinal Pemex ou a ausencia de carga de traballo desde hai meses, manteñen paralizados unha parte importante dos estaleiros.

Este escenario levou o BNG, a través da voceira do seu grupo parlamentar, Ana Pontón, a reclamar pola vía de urxencia que se convoque a deputación permanente do Parlamento galego. Unha solicitude que ten como finalidade que o presidente do goberno autonómico, Núñez Feijóo, dea explicacións. “Feijóo e Rajoy incumpriron todas as súas promesas co sector”, afirmou Pontón. No BNG teñen claro que na crise do naval galego hai responsabilidades políticas claras. E pon como exemplo “a morneza con que abordaron a suspensión do tax lease, o seu desleixo á hora de defender o levantamento do veto ao naval en Navantia-Fene", alén de cuestións como que, incide a voceira, “hai poucos meses, na campaña das eleccións xerais, o propio señor Rajoy prometía carga de traballo e dique flotante”. Porén, denunciou que “unha vez que o PP gaña as eleccións cambia o discurso e di que hai que escoller en Ferrol entre carga de traballo ou dique flotante”.

Pemex

E a isto hai que engadir a cuestión de Pemex, a petroleira multinacional mexicana que ía traer aos asteleiros da Galiza unha importante carga de traballo, tal e como publicitaron durante semanas no executivo autonómico, co presidente á fronte.

Mais a realidade, como lembran no BNG é outra a día de hoxe: “só temos anuncios e dúbidas que alenta o propio Feijóo cando se nega a facer públicos os acordos que ten asinados con esta empresa”. O único certo  é que non hai un só estaleiro galego onde se estean a construír os remolcadores anunciados e que os quimiqueiros para Ferrol van ser contratados en Corea, segundo o comité de empresa de Navantia”.

Mobilizacións

Centos de traballadores do naval de Ferrol volveron sair esta terza feira ás rúas da cidade para exixiren unha solución e protestar pola negativa da dirección da compañía Navantia sobre o dique flotante. Os traballadores piden unha reunión coa xunta de portavoces

Comentarios