O PIB de Galiza medra un terzo menos que o español

Pechou 2015 cun aumento do 2,1%, un punto por baixo do incremento medio do Estado español, 3,2%.

O Produto interior bruto (PIB) de Galiza medrou en 2015 un 2,1%, lixeiramente por riba das previsións da Xunta -que calculaba un aumento do 2%- mais moi por baixo do ritmo de crecemento da economía española, que pechou o ano pasado cun incremento do 3,2% do PIB, o seu mellor resultado desde o ano 2007.

Galiza, pois, segue a medrar por baixo da media española, algo que xa acontecera en 2014, cando o PIB galego aumentara un 0,4% mentres que o español medrou 1,4%, un punto máis. Naquela altura, diversos economistas e organismos, como o Foro Económico de Galiza, advertiran do risco de “desconexión” cunha economía galega a ficar por detrás da española. No 2015, o PIB do noso país medou un 35% menos que o español: 2,1 fronte ao 3,2.

A Xunta presume de que Galiza está a ter un "crecemento sostido"

O consumo e o investimento público son os factores que están detrás do medre do PIB español, segundo indican desde o Instituto nacional de estatística. O consumo aumentou un 3% o ano pasado no Estado e o incvestimento subiu por riba do 6%.

A Consellería de Facenda destacou nun comunicado que o PIB rexistrara en 2015 o seu mellor comportamento dende 2007 e que se sitúa unha décima por enriba da previsión da Xunta. "Galiza está a ter un crecemento sostido, mellorando a súa evolución do PIB trimestre a trimestre e cada vez a maior ritmo,", resaltou. Ademais, indica que a comunidade encadea xa dous anos de suba. 

Comentarios