O peso dos salarios no PIB galego rexistra o seu punto máis baixo mentres aumenta o da renda do capital

A participación dos salarios no Produto interior bruto galego é de 42,3%. Nunca fora tan pouco. Moi por baixo do que acontece no Estado español, onde o seu peso abeira 47% e da Unión Europea, onde está en 47,2%.

salario-minimo-2014

Nestes anos de gran recesión houbo un cambio de tornas de enorme calado: o peso dos beneficios empresariais superou o dos salarios no Produto Interior Bruto (PIB) de Galiza. Mais esta  situación tiña as raiceiras e orixes en anos ben atrás. Un proceso no que se deu unha drenaxe ou transvase das rendas salariais a favor das rendas de capital.

O Instituto galego de estatística (IGE) publica esta sexta feira o Estudo sobre os salarios, un traballo no que se constata que o peso dos salarios no PIB galego acadou en 2017 o punto máis baixo da serie: 42,3%. Nunca fora tan pouco. Unha presenza moito menor á que os salarios teñen na riqueza española (46,9%) e na Unión Europea (47,2%).

Como rexistra o IGE, de 2000 até agora o peso das remuneración das persoas asalariadas caeu en 4,2 puntos, pasando de 46,5 a 42,3. Nese mesmo período a perda de peso dos salarios a respecto do produto interior bruto español foi de 1,6 (tres veces menos que en Galiza) e en Europa de apenas 0,6.

Entre o inicio da década dos oitenta e hoxe a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos. Era 62% do PIB e pasou ser 44%. Ao tempo, a participación das rendas do capital no PIB galego pasou de 34,4% (1981) a 46%. Un aumento de 12 puntos. Houbo pois un trasvase en beneficio das rendas de capital que non tivo comparanza nin noutros territorios do Estado español nin no contexto europeo.

Desde comezos de século XXI até agora houbo unha caída de 30 puntos no salario bruto anual medio en termos reais. En 2016 o soldo é 70% do valor correspondente que ese mesmo soldo tiña en 2001. O menor peso das rendas salariais que das rendas do capital no PIB non é algo que se dea en todos os territorios do Estado. A isto chegouse após un proceso no que, só entre 2007 e 2016, a masa salarial diminuíu na Galiza en 1.300 millóns de euros ao tempo que os beneficios empresariais aumentaban en máis de 500 millóns.

Comentarios