A pesca galega, pendente de Bruxelas

Arrinca en Bruxelas un Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que será decisivo para o futuro da flota galega, con rebaixas de cotas enriba da mesa. A proposta comunitaria ameaza con recortes para as capturas de especies como a pescada, o xurelo e a pescada, que poden supor un impacto de 90 millóns de euros para a economía galega.
Cada posto de traballo no mar xera ao redor de catro postos en terra. (M.Arrazola)
photo_camera Cada posto de traballo no mar xera ao redor de catro postos en terra. (M.Arrazola)

Semana decisiva para o sector pesqueiro galego, que se xoga en Bruxelas o seu futuro. Estas segunda e terza feira, o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea debate, entre otras cuestións, o Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) e cotas para o exercicio 2020. A proposta comunitaria ameaza con recortes para as capturas de especies como a pescada, o xurelo e a pescada, que poden supor un impacto de 90 millóns de euros para a economía galega. En concreto, a proposta da Comisión Europea pasa por unha rebaixa de 20% no caso da pescada entre augas do Cantábrico Noroeste e Gran Sol, así como un descenso de 48% para o xurelo entre augas do Cantábrico e ao sur de Fisterra.

Segundo as estimacións da Consellería do Mar, a rebaixa en pescada afectará de forma principal á comarca da Mariña, que padecerá 70% do impacto, cifrado nunha perda global de case 40 millóns de euros para esta zona. Son máis dun milleiro de tripulantes afectados e a incidencia nos seus salarios sería de 4,2 millóns de euros, case 4.200 euros de media por mariñeiro.

En declaracións a Sermos Galiza, o xerente da Asociación de Armadores de Buques Pesqueiros da Galiza (Pescagalicia-Arpega), Juan Carlos Corrás, cre que de Bruxelas deberían saír acordos como a reapertura do caladero de cigala nacional, cun plan de xestión en vez do seu peche por outros tres anos como recolle a proposta; aumentar "ou polo menos manter" o TAC para a pescada do sur, xa que a situación é "moi boa", e non facer caso ás recomendacións do comité consultivo de peláxicos e aumentar, como propón o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), a cota de xurelo ao sur de Fisterra.

Corrás destaca a necesidade de minimizar os recortes pola repercusión económica e social que tería para a flota galega e tamén para o sector comercializador.  "Temos que ser optimistas. Para pesimismo xa temos a proposta da Unión Europea, que nos deprime a todos", sinala.  "Agora o que queda é pelexar. Os informes científicos dannos pé para facelo", apunta. 

Na mesma liña, o presidente da institución, Torcuato Teixeira, lamenta que os argumentarios sempre sexan os mesmos e que os informes científicos non coincidan coa percepción que teñen os pescadores, "que son os nosos ollos no mar", e que aseguran que o recurso "é abundante". Respecto a negociación, indica que "nunca se sabe por onde vai tirar" pero que atendendo ás anteriores "para a flota do cantábrico non sale nada ben".

Preocupación no cerco

O sector do cerco é un dos máis afectados. Andrés García, portavoz da Asociación de Armadores de Cerco da Galiza (Acerga), denunciou que "se se levan a cabo os peores plans que teñen, sería a destrución do sector". No caso da redución ao sur de Fisterra, fálase de 50%, o que se traduce en algo máis de 40.000 toneladas, e 42% na zona do Cantábrico, recortes aos que habería que sumar os dos últimos anos. Desde 2015 supuxeron unha redución de 25%, segundo apunta García. O desexable para Acerga sería axustar as capturas ao rendemento máximo sostíbel, o que suporía aumentar as cotas até 104.000 toneladas, e reducir "como moito 10%" as do caladoiro do Cantábrico.

"Agardamos que a defensa das nosas posicións na negociación sexa a ultranza, e non como aconteceu outras veces". Se se confirmara algunha das dúas propostas que están sobre a mesa do Consello de Pesca sería "inasumíbel" para a flota galega do cerco, pero "as dúas xuntas serían a destrución do sector", abunda o portavoz de Acerga, que non tira a toalla. "Ao final, adaptaríamos ás circunstancias, porque pescar hai que pescar". Buscarían outras zonas para acadar capturas, o que levaría consigo "máis desplazamento e máis gasto de combustíbel", o que afectaría de cheo á súa viabilidade. 

'A cara de can'

Desde a Consellería do Mar, Rosa Quintana afirma que van negociar "a cara de can" para defender os intereses da flota galega para o próximo ano. De feito, a Xunta elaborou unha peza audiovisual que leva por título Galiza desde o mar, que presentou en Bruxelas para concienciar ás autoridades pesqueiras europeas sobre "o impacto social" dos recortes nos mariñeiros galegos

Rosa Quintana representará ás comunidades neste Consello de Ministros de Pesca. Dos 36 TAC nos que España ten cotas prevese unha baixada para 18, así como manter as posibilidades en catro. Segundo as estimacións da Consellería do Mar, a rebaixa en pescada afectará de forma principal á comarca da Mariña, que padecerá o 70% do impacto, cifrado nunha perda global de case 40 millóns de euros para esta zona. Son máis dun milleiro de tripulantes afectados e a incidencia nos seus salarios sería de 4,2 millóns de euros, case 4.200 euros de media por mariñeiro.

O Goberno galego cifra en 37 millóns o impacto dos recortes destas dúas especies para 3.700 tripulantes da frota galega. Unha cifra que chega até case 90 millóns no conxunto da economía galega, xa que cada posto no mar xera ao redor de catro en terra.

Comentarios