Perto de 500 empresas galegas abriron filiais ao outro lado do río Miño

As firmas galegas tratan de meter presión ás Administracións ameazando coa súa marcha a Portugal.
Compañías radicadas na Galiza buscan abaratar custos e simplificar procesos trasladando a produción ao país veciño (Foto: Europa Press).
photo_camera Compañías radicadas na Galiza buscan abaratar custos e simplificar procesos trasladando a produción ao país veciño (Foto: Europa Press).

Portugal é un destino atractivo para as empresas galegas. Tanto é así que perto de medio milleiro delas mantén filiais do outro lado da raia. Entre os principais "reclamos" do país veciño para atraer investimentos estranxeiros están os baixos prezos do solo industrial, as exencións fiscais e unhas retribucións até 30% inferiores (alí o salario mínimo é de 705 euros fronte aos 1.000 do Estado español).

O sector da automoción concentra boa parte destas filiais, que crecen ao calor de firmas punteiras como Stellantis, Volkswagen ou Bosch, mais tamén da industria aeronáutica, con Embraer como  referente. 

Son empresas que preferiron crecer do outro lado da raia pero manter a súa matriz na Galiza. Mais nos casos onde non existe arraigo,concentran alí os seus novos investimentos, como aconteceu con firmas como Gestamp, Faurecia ou o Grupo Antolín, ou directamente marchan. 

Iso foi o que pasou por exemplo Siemens Gamesa, que decidiu fechar a súa planta das Somozas após acometer un investimento millonario para facerse coa planta de Vagos (Portugal).

No sector téxtil tamén son moitas as empresas galegas que teñen en Portugal a súa rede de provedores. De feito, na primeira metade de 2021, a industria manufactureira lusa copou 26,75% das ofertas xestionadas polo Instituto do Emprego e Formação Profissional (IEFP) no Norte de Portugal, 6.504 oportunidades laborais na industria que contrastan coas 485 ofertadas na Galiza no mesmo período. 

Argumento de presión

A Galiza ten deixado pasar nos últimos anos a oportunidade de reter talento e investimentos no país, segundo critican desde a oposición parlamentaria, pola incapacidade da Xunta de promover o crecemento destas empresas no propio país, pese a ter as competencias en materia industrial. 

As empresas, coñecedoras desta realidade, aproveitan, nalgúns casos, o argumento da marcha a Portugal para meter presión ás Administracións e tratar de obter condicións económicas máis vantaxosas.

Este é o caso de varias empresas de Mos, que esta segunda feira recibiron representantes da Plataforma Loxística de Valença do Minho-Geral, unha entidade privada que promove unha área industrial de máis de 1,2 millóns de metros cadrados no norte do país veciño, para explorar a posibilidade de estabelecerse alí ante, din, a "presión das comunidades de montes". 

O empresariado local, a través da Asociación de Empresarios de Mos (Aemos), recoñeceu que o proxecto empresarial portugués dispón de "todo tipo de facilidades" para que as empresas galegas se trasladen alí, aínda que subliñou que a "primeira opción" segue a ser a de manter as localizacións actuais.

Desde a comunidade de montes de Tameiga explican a Nós Diario que, á hora de renovar as concesións, estas firmas tratan de consolidar condicións de hai 50 anos ─pagaban uns 2.000 euros ao mes por 40.000 metros de terreo─ e néganse a aceptar os prezos de mercado que lle propón. Os empresarios, pola súa parte, acusan os comuneiros de impor subas "desorbitadas" no canon polo uso do solo.

Comentarios